Antonio Rigueiro toma o relevo de Francisco Fernández de Ana Magán como presidente da Asociación Forestal de Galicia
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou sábado 6 de novembro a súa XXXIV Asemblea Xeral Ordinaria no Pazo de Cultura de Pontevedra, un acto que decidiu celebrar na capital do Lérez en recoñecemento ao seu presidente saínte, Francisco Fernández de Ana Magán, que de sempre estivo vinculado persoal e profesionalmente coa comarca de Pontevedra.
A carreira de Francisco Fernández de Ana Magán como investigador iniciouse precisamente no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, do que chegaría a ser xefe da sección de Fitopatoloxía. Foi tamén profesor da Escola de Capataces de Lourizán e profesor asociado da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC).
Na súa traxectoria como investigador, ten publicados preto dun cento de traballos científicos, é autor de sete libros de temática forestal e destaca ademais a súa faceta como gran divulgador da micoloxía, sendo pioneiras a nivel mundial algunhas das súas investigacións sobre inoculación de micorrizas en especies forestais.
Francisco Fernández de Ana Magán accedeu á presidencia da AFG no 2004, tomando daquela o relevo de Xosé Represas, recentemente falecido. Durante o seu mandato á fronte da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Fernández de Ana Magán impulsou a profesionalización dos servizos ós socios da AFG, da man dun competente equipo técnico.
Caracterizado por ser un dos fitopatólogos de referencia en España, o presidente saínte da AFG puxo os seus coñecementos en sanidade forestal ao servizo da Asociación, o que repercutiu nunha mellor atención aos socios. Tamén contribuíu ao fortalecemento da estrutura da AFG e destacou o seu esforzo pola promoción dun monte multifuncional, no que a produción de madeira conviva con outros servizos, como a produción de cogomelos e outras actividades económicas e de ocio.
Forte defensor do patrimonio natural e cultural de Galicia, Francisco Fernández de Ana Magán tivo tamén un papel importante á hora de tecer relacións estables con outras entidades do sector a nivel español e europeo.
Nova xunta de goberno
O testigo á fronte da presidencia da Asociación Forestal de Galicia tomouno agora Antonio Rigueiro, que ata o de agora era vicepresidente de Relacións Institucionais da AFG.
Rigueiro tamén iniciou a súa traxectoria como investigador en Pontevedra, no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, onde traballaría ata o ano 1986. Posteriormente, ostentaría cargos na Administración autonómica e no 1988 iniciou a súa andaina como profesor titular da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos (Lugo, USC), da que foi director entre 1990 e 1993. Nunha segunda etapa, dirixiría a Escola Politécnica Superior de Lugo entre 1997 e o ano 2000.
Antonio Rigueiro Rodríguez é ademais membro numerario da Real Academia Galega de Ciencias desde o ano 2002. Na Universidade de Santiago, da que é catedrático, coordina tamén un grupo de investigación sobre sistemas silvopastorais, e é director da Estación Científica do Courel (USC).
Acompañan a Antonio Rigueiro na xunta de goberno da AFG as seguintes persoas:
– Francisco Dans del Valle (vicepresidente de Relacións Institucionais)
– Juan Ramón Gallástegui Otero (vicepresidente de Montes Particulares)
– José Luis Campos Represas (vicepresidente de Montes Veciñais) – Comunidade de Montes de Xinzo (Ponteareas)
Vogais de montes particulares:
– Julio Aneiros Lorenzo
– Manuel Galdo Dopico
– Belén Mantiñán Edreira
Vogais de montes veciñais:
– Irene Díaz Martínez (Comunidade de Montes Veciñais dos Chaos, Ribadeo)
– José Manuel Suárez Gamallo (Comunidade de Montes Veciñais de Saiar, Caldas de Reis)
Rede Natura, prevención de incendios e recuperación do ecosistema de piñeirais
A renovación da xunta de goberno da AFG, que se fixo en asemblea extraordinaria, estivo precedida pola XXXIV Asemblea Xeral Ordinaria, que serviu para facer balance do traballo dos últimos dous anos e para trazar a folla de ruta da Asociación.
Entre as inquedanzas dos socios, destacaron as restricións que experimentan os propietarios e comunidades de montes que están afectados pola Rede Natura. Desde a Asociación, trasladouse o compromiso da Asociación coa conservación da natureza, pero coincidiuse cos socios na necesidade de que a Administración arbitre apoios para compensar aos propietarios e comunidades de montes polas limitacións de usos ás que se ven obrigados.
Como fitos salientables dos últimos dous anos, a AFG destacou a colaboración que lle está a prestar ás comunidades de montes socias afectadas por incendios forestais no 2017, en especial na provincia de Pontevedra. A AFG, en colaboración coas comunidades de montes, buscou unha vía de cofinanciación por medio da inscripción dos proxectos de restauración no Rexistro de Compensacións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica. Esta inscripción permite que aquelas empresas interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de carbono poidan investir nestes proxectos de restauración, colaborando así coas comunidades de montes na recuperación de montes afectados por lumes.
Unha segunda liña de traballo da Asociación Forestal de Galicia, neste caso en colaboración coa Fundación Arume, sitúase na recuperación do ecosistema galego de piñeirais. Conxuntamente coa Fundación Arume, a Asociación Forestal de Galicia traballa en proxectos de mellora xenética das coníferas galegas e na restauración de montes con piñeiros, proxectos para os que a Fundación Arume solicitou fondos Next Generation.
Outros temas abordados na asemblea foron as novas normativas lexislativas que se preparan no ámbito forestal, en relación con cuestións como a prevención de lumes e a xestión de montes veciñais, así como o recentemente aprobado Plan Forestal de Galicia.