A Asociación Forestal de Galicia (en adiante, AFG) é unha asociación privada sen ánimo de lucro, creada en Santiago de Compostela en 1986. Agrupa a propietarios forestais particulares e comunidades de montes veciñais de Galicia.
Os seus fins principais son defender os intereses profesionais dos seus membros, representalos ante as administracións públicas, a industria forestal e as entidades relacionadas co sector forestal, así como realizar todas aquelas actividades que melloren a silvicultura e a xestión sostible dos montes dos seus socios e que contribúan a aumentar a rendibilidade e calidade dos recursos forestais galegos.
Para un desenvolvemento máis eficaz dos servizos que se prestan aos seus socios, a AFG creou no ano 2002 a empresa Selga, Compañía Galega de Silvicultores, S.L. (SELGA). No ano 2011 Selga promoveu a creación do grupo de certificación forestal PEFC Xestión Forestal Sostible Selga e no ano 2013 creou un grupo de certificación FSC mediante os que se leva a cabo a certificación forestal dos montes dos seus socios.
Os socios da AFG son propietarios forestais de montes de particulares e comunidades de montes veciñais en man común. Poden formar parte da Asociación Forestal de Galicia persoas físicas e xurídicas, institucións e sociedades que posúan montes no territorio de Galicia.
Os propietarios de montes de particulares están representados na AFG con terreos de moi diverso tamaño, de 2 ha a máis de 1.000 ha, e agrupan unha superficie forestal superior a 35.000 ha dos bosques máis produtivos de Europa. Os montes de piñeiro do país, de eucalipto, de piñeiro insigne, de carballo e de castiñeiro son os máis frecuentes entre os socios da afg, e a madeira constitúe o principal recurso nestes montes.
As comunidades de montes veciñais en man común asociadas na afg agrupan 55.000 hectáreas de monte. Forman parte destas comunidades de montes máis de 25.000 veciños comuneiros. Algunhas destas comunidades realizan actividades económicas distintas á forestal como pode ser a mineira (granito e lousa), a explotación de enerxía eólica, hostalería (cámpings, áreas recreativas) ou gandería en réxime extensivo. O tamaño da propiedade varía entre 25 e 1.600 hectáreas.
A AFG agrupa entre socios e asociados un colectivo de aproximadamente 30.000 persoas vencelladas directamente co monte galego. A AFG ten socios repartidos no 70 % dos concellos de Galicia, cunha presenza moi activa naqueles máis forestais.
RESUMO DATOS CURRICULARES
1984 Un equipo de expertos formado por técnicos e propietarios forestais realiza un estudo sobre o asociacionismo forestal en Galicia e en Europa. O mesmo equipo de expertos promove un modelo de agrupación de montes para propietarios forestais.
1985 Propietarios forestais reúnense en varias zonas de Galicia. Visitan a organizacións de silvicultores no País Vasco, Aquitania e Escandinavia.
1986 En febreiro de 1986 constitúese a Asociación Forestal de Galicia na que participan propietarios forestais particulares e comunidades de montes veciñais. O acto celébrase na Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela.
1988 O equipo da AFG promove as primeiras agrupacións de propietarios de montes en Galicia como modelo de xestión forestal asociada para superar os problemas de minifundismo.
1989 Créase en Bordeos a Unión de Silvicultores do Sur de Europa (USSE). A afg é membro fundador, xunto coa Confederación de Forestalistas do País Vasco e o Sindicato de Silvicultores de Aquitania.
1990 Un equipo de estudos da afg elabora un informe técnico para a creación do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais en Galicia, que se constituíu ese mesmo ano.
1991 Inaugúrase en Ponteareas (Xinzo) a segunda oficina da AFG, dedicada exclusivamente ás comunidades de montes veciñais.
1992 Un equipo de expertos vencellados á AFG elabora, por encargo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, o Plan Forestal de Galicia. Este plan é aprobado polo Parlamento de Galicia en 1993.
1993 Créase en Madrid a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE). A AFG é socia fundadora e ocupa unha vicepresidencia.
1994 Primeiros estudos sobre a fiscalidade forestal dentro do proxecto Compostela–Bosques.
1994 Inaugúrase en As Pontes de García Rodríguez a terceira oficina da AFG, dedicada maioritariamente a socios particulares que permaneceu activa ata o ano 2012.
1994 Inaugúrase en Lalín a cuarta oficina da AFG, dedicada maioritariamente a socios particulares que permaneceu activa ata o ano 1997.
1996 A AFG participa na elaboración da Estratexia Forestal Española.
1997 Inaugúrase en Boiro unha oficina da AFG dedicada á atención de comunidades de montes veciñais que permaneceu activa ata o ano 2001.
1997 Inaugúrase en Ortigueira unha oficina da AFG, dedicada maioritariamente a socios particulares que permaneceu activa ata o ano 2004.
1998 Constitúese en Bruxelas o Comité Consultivo Forestal da Unión Europea. A AFG é, a través da COSE, membro do comité.
1999 COSE promove a constitución da Asociación para a Certificación Forestal Española, integrada no Sistema PEFC de Certificación Forestal. A AFG participa como socia fundadora.
2000 Apróbase un réxime fiscal específico do IRPF para as vendas de madeira dos propietarios forestais de acordo coa proposta de reforma fiscal defendida por AFG-COSE e aceptada polo Ministerio de Economía e Facenda.
2002 A AFG crea a empresa de servizos forestais SELGA S.L., dentro do marco do Proxecto Eurosilvasur, dirixida a prestarlle servizos aos socios da AFG.
2003 A AFG participa na constitución da Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal co obxectivo de desenvolver a certificación da xestión forestal sostible en Galicia baixo o sistema PEFC.
2004 A AFG participa na constitución do Entidade Solicitante de Certificación Forestal PEFC de Galicia.
2005 Inauguración da planta fotovoltaica do Centro Cultural de Xinzo (Ponteareas), iniciativa posta en práctica mediante un convenio coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo (Ponteareas) e unha axuda da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.
2005 Inaugúrase en Cangas de Foz unha oficina comarcal da AFG, dedicada tanto a socios particulares como a comunidades de montes permanecendo activa ata o ano 2007.
2006 A AFG asina o Acordo forestal para o aproveitamento da madeira queimada e para a recuperación sostible dos montes arborados afectados polos incendios forestais.
2007 A AFG promove a constitución da Mancomunidade de produtores de biomasa forestal primaria do sur de Galicia (ENERXIL) na que se agrupan 55 comunidades de montes veciñais en man común do sur da provincia de Pontevedra.
2008 A AFG promove e participa na constitución da Plataforma Tecnolóxica Forestal Galega (Devesa), na que ocupa a vicepresidencia.
2008 Inaugúrase no Centro Cultural Xinzo (Ponteareas) unha caldeira de biomasa para a produción de calor. O proxecto é unha iniciativa da Asociación Forestal de Galicia no marco do proxecto de cooperación Enersilva financiado polo programa Interreg III B Sudoe e a súa instalación fíxose ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Asociación Forestal de Galicia, a Comunidade de montes de Xinzo, a Consellería de Innovación e Industria e máis a Consellería do Medio Rural
2009 Selga participa no proxecto empresarial ENGABIOMASA para a creación dunha planta de biomasa para a produción de electricidade no sur de Galicia.
2009 A AFG comeza o proceso de certificación forestal para os montes dos seus socios baixo o sistema PEFC.
2010 A AFG pon en marcha o sistema de certificación PEFC en grupo, XFS SELGA.
2010 A AFG promove o proxecto “Promoción do uso sostible de biomasa forestal para fins enerxéticos no norte de Portugal e no sur de Galicia” (SILVAPLUS) dentro do Programa operativo de cooperación transfronteriza España-Portugal. POCTEP 2007-2013.
2012 A través do Grupo de Certificación PEFC XFS Selga, acádase unha superficie de monte con certificación forestal de 12.637,48 ha.
2013 Selga pon en marcha un grupo para a certificación da xestión forestal sostible polo sistema FSC.
2015 A AFG inicia a publicación e difusión do boletín dixital Novas AFG.
2015 A AFG colabora na constitución e desenvolvemento da Sociedade de Fomento Forestal SomosCuns que agrupa máis de 100 propietarios forestais no concello coruñés de Outes.
2016 A AFG inicia o establecemento do monte demostrativo do Pico Sacro. Un espazo de difusión e experiencias innovadoras de silvicultura de frondosas e produtos non madeireiros financiado polo Grupo Inditex.
2017 A AFG participa a través de COSE no grupo “Juntos por los Bosques” na elaboración da proposta de mellora da fiscalidade forestal.
2017 A AFG participa na creación da Comisión Forestal Galega na que participan as principais organizacións da cadea forestal de Galicia.
2017 A través do Grupo de Certificación PEFC XFS Selga, acádase unha superficie de monte con certificación forestal de 35.361,38 ha.
2018 Inaugúrase o Monte demostrativo do Pico Sacro que funciona como escola de silvicultura.
2020 A AFG promove e é membro fundador da Fundación Arume.
2021 A AFG inscribe os primeiros proxectos de absorción de carbono.
2021 A AFG participa activamente na creación da marca Pino de Galicia.
Utilizamos tecnoloxías como cookies para mellorar o funcionamento da web e para recopilar estatísticas anónimas de uso. Al aceptar as cookies acepta voluntariamente o tratamento dos seus datos. Isto tamén inclúe, por un tempo limitado, o seu consentimento de acordo co artigo 49 (1) (a) GDPR para o procesamento de datos fóra do EEE, por exemplo, nos EE. UU. Nestes países, a pesar dunha coidadosa selección e obriga dos provedores de servizos, non se pode garantir o alto nivel europeo de protección de datos. Si os datos se transfieren aos EE. UU., existe, por exemplo, o risco das autoridades dos EE. UU. procesen estos datos con multas de control y supervisión sin que estén disponibles recursos legales efectivos o sin que puedan hacer valer todos los derechos del interesado. Pode revocar o seu consentimento en calquera momento.