Un monte veciñal en man común é unha forma de propiedade privada colectiva da que son propietarios o conxunto dos veciños con casa aberta e residencia habitual na parroquia, lugar ou asentamento no que se atope o monte.
Segundo a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, os montes veciñais en man común son “os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual ou da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais, e non como entidades administrativas, e se veñen aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.
Os montes veciñais en man común viñeron sendo aproveitados de xeito tradicional polo conxunto dos veciños da contorna dente tempo inmemorial, en réxime de comunidade xermánica, o que quere dicir que non existía unha especial asignación de cotas entre os veciños comuneiros.
Estes montes foron fundamentais para a subsistencia dos veciños no pasado e, na actualidade, contan con catro características innatas:
Son inalienables, o que significa que está prohibida o seu alleamento[1], tanto total como parcial. De chegar a producirse, este é nulao, incluso se a superficie alleada se rexistrou no Rexistro da Propiedade a nome dun terceiro;
Son imprescritibles, polo que non é posible adquirir o dominio dun monte veciñal pola súa posesión en concepto de dono, aínda que fose así de forma continuada no tempo;
Son indivisibles, o que supón a prohibición de todo reparto do seu dominio, sendo nulo de pleno dereito no caso de producirse[2];
Son inembargables, polo que en ningún caso poden chegar a ser embargados.
Aínda que as comunidades de montes teñen especial relevancia en Galicia, tamén existen montes veciñais noutras comunidades autónomas como, por exemplo, Asturias ou Castela e León (sobre todo nas provincias limítrofes con Galicia).
Esta web usa cookies para asegurarse de ofrecer a mellor experiencia de usuario. Por favor, preme no botón "Acepto" para continuar navegando por esta web. Gracias!AceptoPolítica de cookies