A elección da especie nas plantacións forestais
Ante a planificación dunha nova plantación débese ter en conta que un factor determinante no éxito da mesma é a calidade do terreo co que se conta e que, dependendo dela, deberase elixir a especie que mellor se adapta ao terreo e ao lugar. Resulta antieconómico e frustrante escoller unha especie non apta para o terreo a repoboar.
Nos bos terreos, profundos ricos e ben drenados, case todas as especies forestais medran ben. Os problemas de elección ocorren cando o terreo é de baixa calidade e ofrece unhas características pouco apropiadas para as especies máis esixentes.
Entre as especies máis esixentes de terreos de boa calidade, atópanse a maioría das frondosas caducifolias, e entre as máis sufridas os eucaliptos e os piñeiros.
Terreos aptos para frondosas caducifolias
En xeral considéranse aptos para a plantación de frondosas caducifolias, aqueles terreos máis fértiles, profundos e ben drenados, se ben, cada árbore ten unhas esixencias específicas das que facemos un resumo das empregadas máis habitualmente.
Bidueiro (Betula sp.): tolera solos de elevada acidez, pobres en nutrientes e mesmo con empozamento estacional, pero non lle conveñen os lixeiros ou demasiados secos e filtrantes, sobre todo en exposición sur.
Carballo americano (Quercus rubra): non é moi esixente canto á riqueza mineral, pero require terras fondas para desenvolver a súa raíz pivotante. Vai ben en terreos de textura franca e cun perfil rico en materia orgánica. Soporta mal a auga empozada, a sequidade do solo e a presenza de calcaria.
Carballo do pais (Quercus robur): é unha especie moi plástica, vive case en calquera lugar pero onde se poden obter uns bos medríos e madeira de calidade, é alí onde os solos son profundos e frescos, con moita materia orgánica e con boa drenaxe.
Castiñeiro (Castanea sp.): precisa solos con profundidade de 50 cm ou máis, non soporta os solos mal drenados. Non admite a presenza de calcaria activa no solo. O contido en materia orgánica debe ser alto.
Cerdeira (Prunus sp.): medra ben tanto en solos areosos, lixeiramente acedos, como sobre os calcarios. Precisa solos profundos e frescos e os terreos máis ben chans.
Freixo (Fraxinus sp.): é unha especie propia de ambientes ripícolas, idónea para as beiras de ríos e regatos, terreos frescos e saneados de humidade, situados a pé de ladeira ou terreos chans, de textura lixeira, cunha capa freática permanente a certa profundidade, ricos en materia orgánica e nutrientes e sitios abrigados.
Nogueira (Juglans sp.): require solos profundos, moi fértiles, pouco acedos e pouco compactos, con boa aireación. Non lle gustan os solos arxilosos mal estruturados. Medra ben en solos areosos se están suficientemente abastecidos de auga, especialmente no verán, e teñen un contido alto de materia orgánica.