A mellor época de plantación para plantas a raíz núa é desde mediados de decembro ata finais de marzo. Convén que sexa un mes antes do agromado das follas. No caso de plantas en contedor pódese instalar desde outubro ata mediados de abril. Dependendo da dispoñibilidade de auga no solo, os piñeiros e eucaliptos en contedor pódense plantar ata ben entrada a primavera.
Canto ás sementeiras, convén facelas ao inicio da primavera, o ideal sería facelas xusto no momento antes de que comecen a xermolar e co tratamento previo físico e/ou químico axeitado para que xermolen rápido e os animais non teñan tempo de comer a semente. O momento vai depender do sitio, do clima e do lugar onde se vaia facer a sementeira.
Á hora de plantar cómpre ter en conta que a planta debe enterrarse xusto ata o colo da raíz, xa que se se enterra o talo provócanse podremias, inda que no momento da plantación convén que queden 2 ou 3 cm máis de terra que se fundirán cando se compacte a terra coa chuvia.
Pódense consultar os seguintes videotitoriais que resumen a técnica de plantación de frondosas:
Videotitorial sobre plantación de frondosas en galego e en castellano
Cómpre deixar a terra ben compactada, pisando forte ao redor da planta. Non se poden deixar ocos de aire ao redor da raíz por dúas razóns: para evitar que se seque moito a terra ao redor da raíz e para favorecer o fluxo e a absorción de auga por capilaridade[1].A planta deberá dispoñerse no burato ou no suco do subsolado dereita e coas raíces ben estiradas, sen enrolamentos, é aconsellable que se se emprega planta a raíz a núa, se lle corten un pouco as raíces antes de plantala (repicar).
Cando se fai unha plantación forestal cómpre ter claro cal é o obxectivo de produción e máis a dispoñibilidade do propietario para levar a cabo as tarefas de silvicultura.
Dependendo da finalidade da plantación, a posibilidade de mecanización e o estilo de silvicultura, empregaremos un marco ou outro, se se quere producir castiñeiro para a produción de madeira hai que plantar a un marco de entre 400 e 600 pés por hectárea, mentres que, se o obxectivo é a produción de castaña haberá que plantar de 70 a 100 pés por hectárea, ou incluso, dependendo da calidade do solo, a 50 ou 160 plantas por hectárea.
Se o propietario non ten interese en investir en podas anuais, ten que procurar plantar a un marco estreito para dificultar a tendencia á ramosidade da maior parte das especies forestais. Pola contra, se se prefire gastar pouco en planta en investir máis en poda, poderá optar por marcos de plantación máis amplos.
Como regra xeral poderíase indicar que canto mellor é a planta, con garantía de procedencia, canto máis mellorada xeneticamente e canto mellor sexa o sitio onde imos facer a plantación, máis grande podería ser o espazamento, xa que temos unha certa garantía de éxito da repoboación desde o inicio e aforraríase unha cantidade de cartos importante en planta.
Asemade hai que ter en conta que calquera dos marcos que se elixan terán que permitir a mecanización dos traballos forestais, polo tanto isto esixe deixar un espazamento de polo menos 3,5 m para que poida moverse un tractor polo medio sen danar as plantas.
As densidades de plantación máis habituais en Galicia para a produción de madeira de frondosas son de 600 a 900 plantas por hectárea. Excepto casos puntuais como pode ser a nogueira que cómpre plantala a densidade final (entre 70 e 100 plantas por hectárea) debido aos problemas sanitarios que ocasiona a podremia dos tocos no terreo e os chopos que se adoitan plantar a unha densidade de 200 a 400 plantas por hectárea para evitar a inclinación de fustes na procura de luz.
O piñeiro do país e o insigne adóitase plantar a marcos de 800 a 1.100 plantas por hectárea e o piñeiro de Oregón a 600-800 plantas por hectárea.
En zonas onde estea presente o corzo ou outros animais que danen as plantas será preciso proceder á súa protección con tubos protectores, mallas cinexéticas, pastores eléctricos, etc.
Nos primeiros anos dunha repoboación forestal cómpre levar a cabo, cando menos tres traballos silvícolas fundamentais:
As plantacións novas, especialmente as de frondosas, son moi sensibles nos seus primeiros anos á vexetación de competencia, por iso cómpre planificar varias rozas (ben manuais ou ben mecanizadas) para evitar que a planta nova teña competencia polos nutrientes. Tamén se pode axudar a controlar por medios químicos con tratamentos por medio de fitocidas.
Se os traballos se fan de forma mecanizada ou manual, cómpre ter moito coidado en non danar as plantas. Se se emprega fitocida hai que ter moito coidado en non asperxer a planta e de escoller a época axeitada.
É habitual que nos primeiros tres anos haxa que repoñer plantas que non foron arriba por diferentes motivos. A comezos de ano cómpre facer unha revisión e replantar as plantas mortas.
No caso das plantacións de frondosas caducifolias cómpre iniciar desde o principio a poda de formación para manter a guía principal única, dereita e vigorosa.
[1] Fenómeno segundo o cal a superficie dun líquido en contacto cun sólido ascende ou descende debido á forza que resulta das atraccións entre as moléculas do líquido e as deste coas do sólido
Utilizamos tecnoloxías como cookies para mellorar o funcionamento da web e para recopilar estatísticas anónimas de uso. Al aceptar as cookies acepta voluntariamente o tratamento dos seus datos. Isto tamén inclúe, por un tempo limitado, o seu consentimento de acordo co artigo 49 (1) (a) GDPR para o procesamento de datos fóra do EEE, por exemplo, nos EE. UU. Nestes países, a pesar dunha coidadosa selección e obriga dos provedores de servizos, non se pode garantir o alto nivel europeo de protección de datos. Si os datos se transfieren aos EE. UU., existe, por exemplo, o risco das autoridades dos EE. UU. procesen estos datos con multas de control y supervisión sin que estén disponibles recursos legales efectivos o sin que puedan hacer valer todos los derechos del interesado. Pode revocar o seu consentimento en calquera momento.