O monte demostrativo de Mouriscados, de 315 ha, está situado no concello de Mondariz, dentro da comarca do Condado-Paradanta, na provincia de Pontevedra. É atravesado por rutas históricas, sendo a máis coñecida a do Camiño da Franqueira, camiño tradicional que se dirixe ao Santuario da Franqueira, lugar de culto onde cada ano se dan cita numerosos romeiros de toda a comarca que fan camiñando esta ruta. Se por algo destaca esta comarca é por unir patrimonio natural, cultural e histórico nunha contorna excepcional para a práctica de sendeirismo.
Conta con múltiples áreas de importante valor ambiental: bosquetes de especies autóctonas (Quercus robur, Salix atrocinerea, Castanea spp., entre outras) en aproximadamente 35,95 ha, das cales 1,61 atópanse dentro da Rede Natura 2000 (ZEC Río Tea). Polo monte transcorre o río Xabriña, curso de auga emblemático na comarca, con zonas dunha alta calidade na vexetación ripícola. Tamén transcorren polos terreos do monte os regatos Brete e Azal. Polo tanto, as posibilidades de incrementar a biodiversidade son altas.
O monte de Mouriscados está localizado dentro da zona galega de afectación do nematodo e presenta áreas que padeceron un recente incendio forestal e que urxe restaurar mediante plantación ou actuacións sobre o rexenerado natural. Estas zonas serán obxecto de proxectos de absorción de carbono.
Os propietarios do monte e a xestión
Trátase dun monte veciñal en man común pertencente á comunidade do mesmo nome, formada por 88 comuneiros (63 homes e 25 mulleres), veciños da parroquia de Mouriscados.
Características do monte e plantacións
Ademais do aproveitamento madeireiro, o monte acolle outros coma os gandeiros con gando caprino, porcino de raza celta e apicultura, contando coa participación de veciños da parroquia, que poden dar unha imaxe de diferentes potencialidades a replicar en montes da comarca.
Ten tamén un gran potencial para uso social, pois conta cunha boa rede de posibles carreiros. No monte pódense atopar diferentes elementos de alto valor patrimonial que é necesario conservar e manter e que, ademais, ofrecen un atractivo para o visitante (mámoas, castro celta, petróglifos). Pode ser un exemplo de compatibilidade da xestión forestal respectuosa co patrimonio cultural e o aproveitamento de todo o potencial turístico que este pode levar. Para os fins formativos que se pretenden realizar, o monte dispón dun centro social cun coidado deseño que se atopa a medio construír e que poderá ser rematado.
Presenta tamén moi boa aptitude para diversos servizos ecosistémicos. Podemos citar, a título de exemplo, a existencia de masas forestais sumidoiro de carbono e o subministro de auga potable aos veciños da contorna, función fundamental para a subsistencia da poboación. Tamén se realizan aproveitamentos de leñas e froitos silvestres.
As características estacionais e forestais máis relevantes son as seguintes:
- Altitude: 180 a 757 m
- Orientación: predomina norte-oeste
- Precipitación anual: 1.376 mm
- Temperatura media anual: 15,3 ºC
- Solos: derivados de rochas graníticas, con textura de tendencia franco areosa e baixo contido de minerais alterables.
- Superficie actual: 315 ha
- Superficie de solo forestal: 291 ha
- Superficie de solo agropecuario: 0 ha
- Propietarios participantes na iniciativa: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mouriscados
- Parcelas catastrais agrupadas: 532
- Especies utilizadas: piñeiro do país, piñeiro insigne, pseudotsuga, cedro, eucalipto (obliqua), castiñeiro, carballo americano e outras frondosas caducifolias.
- Produtos principais a obter: madeira de alto valor de coníferas e frondosas
- Produtos secundarios: mel, carne (porco celta, cabalo), cogomelos, outros.
Actuacións propostas
- Elaborar o proxecto de ordenación do monte, que establece os modelos de silvicultura e os traballos e accións a desenvolver no monte a curto, medio e longo prazo,
- Realizar traballos de restauración de 60 ha de coníferas en áreas degradadas que poden funcionar como proxectos de absorción de CO2.
- Execución de traballos de mellora en áreas de frondosas e de bosques de ribeira para aumentar biodiversidade.
- Actividades formativas e divulgativas no monte coincidentes cos traballos de restauración ambiental, podas, rareos, etc., dirixidas a persoas silvicultoras, comuneiras, directivas e público en xeral.
- Producir material didáctico e divulgativo específico do monte.
- Acabar o centro social para a súa adecuación como espazo divulgativo e formativo.
- Mellorar os sendeiros e sinalizar o monte para o seu uso social.
- Acondicionar elementos patrimoniais como o muiño de auga e outros.
- Mellorar o uso e distribución da auga no monte.