Os propietarios forestais galegos facturaron 276 millóns de euros pola venda de madeira en 2023
O mercado da madeira en Galicia confirma a súa estabilidade, cun volume de cortas que superou os 9,2 millóns de metros cúbicos no ano 2023, en liña coa media do período 2018-2021, exercicios todos eles que superaron os 9 millóns de metros cúbicos.
Os ingresos dos propietarios forestais por vendas de madeira situáronse en 276 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados baseándose nas estatísticas de corta da Consellería do Medio Rural.
Do total de facturación, 168,7 millóns de euros corresponden ao eucalipto, 101,3 millóns de euros aos piñeiros e 6,6 millóns de euros ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual na industria da madeira.
Logo dun ano excepcional de mercado en 2022, con altos prezos da madeira e boa demanda, as cortas experimentaron no último ano un lixeiro descenso, en consonancia coa menor demanda industrial e prezos máis baixos. Dos 10,7 millóns de metros cúbicos cortados no 2022 pasouse aos 9,2 millóns de metros cúbicos do 2023.
O eucalipto descendeu en cortas arredor do 10 %, en tanto no piñeiro as cortas reducíronse un 23 % tras un excepcional 2022, que se pechara cos maiores volumes de corta da última década.
Datos por provincias
Os montes da Coruña achegaron o 45 % das cortas totais de madeira en Galicia, seguida de Lugo, co 37 %; Pontevedra, co 14 %; e Ourense, con só o 4 %.
Por especies forestais, o 60 % do eucalipto cortouse na provincia da Coruña, en tanto Lugo é líder autonómico en cortas de piñeiro, con máis da metade do total.
Lugo e Pontevedra destacan polo equilibrio de cortas entre piñeiro e eucalipto, pois Lugo ten un 50,5 % de cortas de piñeiro, un 45,5 % de eucalipto e un 4 % de frondosas. En Pontevedra, as cifras son moi similares, co liderado neste caso do eucalipto: un 51 % de cortas de eucalipto, un 45 % de piñeiros e un 4 % de frondosas.
No caso da Coruña, as cortas de eucalipto representan un 78,5 % do total, 17,5 % do piñeiro e un 4 % das frondosas.
En Ourense, unha provincia con escasa actividade forestal, o piñeiro representa o 72 % das cortas e séguenlle as frondosas, co 14 %, e o eucalipto, especie pouco apta para esta provincia, co 13 % das cortas.
Distritos forestais
En consonancia cos datos provinciais, os tres distritos líderes en cortas de piñeiro sitúanse en Lugo (Lugo-Sarria, Terra de Lemos e A Fonsagrada-Ancares), en tanto os tres líderes en corta de eucalipto están na Coruña (Ferrol, Santiago-Meseta interior, e Bergantiños-Mariñas coruñesas).
Convén lembrar que todos estes datos de cortas corresponden a montes privados (comunidades de montes e propietarios particulares), que suman o 98 % da madeira cortada en Galicia, en tanto o restante 2 % procede de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración.
Táboa resumo por distritos.
Prezos da madeira
En prezos, a rolla selecta de piñeiro, con maiores diámetros e calidades, situouse nos 70 euros, en tanto a rolla de 1ª e 2ª moveuse no arco dos 30-40 euros, e o puntal para trituración no entorno dos 20 euros.
O eucalipto, pola súa banda, roldou prezos ao redor dos 29-31 euros. En todos os casos se trata de prezos medios en pé, sen IVE e con casca. Hai que lembrar que nos prezos da madeira inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para a corta e saca da madeira.
Multifuncionalidade do monte
A maiores do percibido pola venda de madeira, os propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogomelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (como venda de dereitos de carbono), entre outros.
Todos estes ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. Cómpre subliñar que a madeira e os restantes aproveitamentos son un recurso renovable, pois os propietarios forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso.