A apropiación dos montes comúns. Unha situación candente
Julio Ruiz Cagigal
Enxeñeiro técnico Forestal da Asociación Forestal de Galicia
No último ano, publicáronse nos medios de comunicación diversas novas sobre preitos, dúbidas e disputas por terreos historicamente veciñais en man común, ocupados por casas particulares, naves industriais, edificacións públicas e outras infraestruturas. Moitos destes ocupantes non poden demostrar un título lexítimo de propiedade ou adquisición, e os tribunais de xustiza ditaron sentenzas a favor das comunidades veciñais como propietarias dos terreos. Unha vez recoñecida a titularidade a favor dos veciños, é preciso canalizar a relación contractual entre o ocupante e a comunidade propietaria dos terreos. Algunhas veces as negociacións son difíciles e xorden problemas. Solucións legais hai, pero non sempre hai vontade de chegar a un entendemento. Ante estes problemas sería desexable unha mediación neutral da Administración, que lamentablemente non parece darse.
Para entender mellor esta situación, é conveniente repasar, inda que sexa sucintamente, o devir histórico que sufriron os montes veciñais en man común de Galicia, un devir verdadeiramente azaroso, chegando ata os nosos días con infinidade de litixios e cuestións por resolver, en boa parte debido a unha deficiente intervención administrativa.
Orixes históricas das apropiacións e usurpacións dos montes comúns
A cuestión litixiosa estivo aparellada ao monte veciñal historicamente. As apropiacións ilexítimas e as usurpacións de montes comúns poden rastrexarse desde comezos do século XIX, e incluso antes, e atópanse vencelladas ao proceso de municipalización iniciado en 1834 e ao incremento do intervencionismo estatal sobre os montes comúns. Cabe lembrar as desamortizacións, as legalizacións das cavaduras arbitrarias ou os plans de repoboación forestal iniciados no século XX. Estas políticas públicas foron menoscabando a capacidade das comunidades de defender o seu patrimonio e de realizar os aproveitamentos tradicionais, chegándose á práctica supresión da organización veciñal.
Ao longo deste período histórico, e ata a restitución ás comunidades veciñais das súas propiedades a finais do século XX, os montes veciñais en man común foron pasando dunha mera tutela a cargo dos concellos nos primeiros tempos, a ser declarados de plena propiedade municipal. Durante a ditadura do xeneral Franco, os concellos asentaron os montes dos veciños como montes públicos nos inventarios de bens municipais e tamén, en multitude de casos inmatriculáronos no Rexistro da Propiedade, sen máis título de dominio ca un simple certificado do secretario municipal. Todo isto, claro está, sen contar para nada coas comunidades veciñais, lexítimas titulares históricas dos montes.
Estes montes, convertidos en públicos polo Estado, polo seu aproveitamento veciñal debían cualificarse como comunais segundo a lexislación de réxime local[1]. Destes, os de maior tamaño, situados polo xeral nas serras, incluíronse no Catálogo de Montes de Utilidade Pública e foron postos a disposición do Patrimonio Forestal do Estado para a súa repoboación forestal mediante consorcios. Convén lembrar que os montes comunais e os catalogados de U.P. gozaban das características xurídicas de inalienabilidade, imprescritibilidade e inembargabilidade.
Sen embargo, quizais por unha confusión interesada, moitos montes comunais clasificáronse polos concellos como de propios ou patrimoniais, tamén denominados de libre disposición, é dicir, sen gozar do réxime xurídico protector correspondente aos comunais ou de utilidade pública. Isto ocorreu, sobre todo, con montes non agrestes, próximos ás vilas e núcleos urbanos máis poboados. Deste modo, estes montes en mans dos concellos podíanse allear, ceder ou arrendar de forma arbitraria, sen excesivas trabas administrativas. Os casos de abusos, coa permisividade e incluso a complicidade das autoridades locais, en prexuízo da conservación dos montes veciñais foron numerosos, especialmente durante a ditadura.
Desta maneira, moitos terreos do común cávanse e ocúpanse ilegalmente por particulares estremeiros, sen que as autoridades se preocupen destes furtos. Noutros casos, os concellos ceden ou arrendan parcelas aos veciños que o solicitan para cultivos agrícolas, que co paso do tempo deixan de pagar e constrúen galpóns e logo casas. Tamén os concellos venden parcelas de monte con fins residenciais, industriais ou agrícolas. Noutros casos son organismos estatais os que se apropian dos montes comúns, como son o aeroporto de Peinador en Vigo ou o cuartel da BRILAT en Pontevedra. En ningún caso, as comunidades veciñais recibiron indemnización algunha no momento da apropiación por esta perda do dereito de aproveitamento.
A veciñanza é despoxada dos seus terreos e interrómpense os aproveitamentos comunitarios. Cando se empezan a tramitar os procedementos de clasificación de montes veciñais en man común a partir dos anos 70, moitas parcelas de monte ocupadas non son recoñecidas polos xurados provinciais de montes veciñais en man común, aducindo precisamente a ausencia de aproveitamentos comunitarios nestes predios. O carácter de imprescritible e inalienable recoñecido pola lexislación para os montes veciñais en man común non se ten en consideración.
Preséntanse a continuación algúns exemplos ilustrativos.
Monte Pozas de Eimonde (Petelos, Mos)
O monte Pozas de Eimonde descríbese na Memoria que realiza o enxeñeiro de Montes Antonio Fenech no ano 1884[2]: “en cuanto a pertenencia es de común aprovechamiento del vecindario de Petelos; tiene una cabida de 13 hectáreas, treinta y siete áreas, diez y nueve centiáreas; la vegetación que so[1]porta es puramente herbácea, sin árboles ni matas leñosas dignas de mención, por lo cual solo se aprovechan sus pastos. Este monte será clasificado por la Comisión de montes como enajenable a pesar de recomendar lo contrario el autor de la memoria”.
Nas fotografías do voo americano de 1956-1957, pódese observar un inicio das ocupacións de terreos e catro casas ou alpendres. Solicitada a clasificación como veciñal en man común deste monte polos veciños da parroquia de Petelos, o Xurado Provincial no ano 1997 só recoñece como de propiedade veciñal dúas parcelas marxinais, de 0,4 e 1,6 hectáreas respectivamente, excluíndo os encravados constituídos polo instituto de ensino secundario e o pavillón deportivo e os seus terreos e servizos adxacentes.
Actualmente, no antigo monte veciñal Pozas de Eimonde atópanse: 17 casas particulares, a piscina municipal, o pavillón polideportivo municipal, o IES de Mos, o CEIP de Petelos e o edificio multiúsos municipal.
Monte Chan da Ponte (Salvaterra, Salvaterra de Miño)
No documento histórico “Estado o relación de los montes del común de vecinos de toda la provincia de Pontevedra” do ano 1861, onde se inclúen os expedientes sobre excepción de venda dos montes de aproveitamento en común (Desamortización de Madoz) cítase para a parroquia de Salvaterra, entre outros, o monte Chan da Ponte, Sangriñal, Landreiras, Pinar e outros, cunha superficie de 34,96 hectáreas.
No Catastro de 1958 sobre fotografías aéreas do voo americano, identifícase o monte Chan da Ponte como propiedade do Concello de Salvaterra de Miño, coa consideración de “comunal”. Neste catastro aprécianse un par de ocupacións: unha pequena fábrica e o cemiterio municipal. O resto do monte atópase cuberto por herbáceas e matogueira, sendo o seu principal aproveitamento o pastoreo e a recollida de mulime.
Os montes veciñais en man común da parroquia de Salvaterra foron clasificados no ano 1984. Entre as parcelas clasificadas non se atopa o monte Chan de Ponte, sendo por outra parte a parcela de maior tamaño. O Concello de Salvaterra comparecera no expediente alegando que non debía clasificarse ningún dos montes de Salvaterra, entre outras razóns porque:
“1ª En los montes de esta parroquia el Ayuntamiento tiene ya construidas las siguientes obras: cementerio municipal (…) 2ª En tales montes están ofrecidos los siguientes terrenos: dos hectáreas para construcción de casa-cuartel de la Guardia Civil (…) 3ª Parte de dicho monte, por estar en la proximidad de la Villa es imprescindible para la expansión de la Villa (…)”
Hoxe en día, o monte Chan da Ponte está maioritariamente ocupado por un polígono industrial (28 ha) dividido en 44 parcelas, o posto da Garda Civil, o IES de Salvaterra de Miño, o cemiterio municipal e o campo de fútbol.
Monte Lomba (Ribadetea, Ponteareas)
O monte Lomba ou Lomba do Cruceiro cítase como do común de veciños de Ribadetea tanto no Catastro de Ensenada, no Libro Real de Legos (1752), como na relación de montes exceptuados de venda da Desamortización (1861).
No catastro sobre fotografía aérea de 1956-1957 identifícanse as parcelas denominadas Lomba cunha superficie aproximadamente de 26 hectáreas, que aparecen como de titularidade municipal en concepto de comunais. Nesta época só se atopan dúas ocupacións: un serradoiro de madeira e unha fábrica de ladrillos e tellas. O resto do monte está arborado con piñeiros.
Os montes veciñais en man común da parroquia de Ribadetea clasificáronse no ano 1979. Do monte Lomba só se clasificou unha pequena par[1]cela de dúas hectáreas denominada Rego da Besta. Na resolución de clasificación consta a seguinte manifestación do Concello de Ponteareas: “que han sido enajenados para fines industriales los siguientes montes: (…) en la parroquia de Ribadetea, los montes denominados Lomba da Barca, así como 20.000 m2 del monte Lomba da Bargiela (…) que el monte Cruceiro de Lomba de la parroquia de Ribadetea fue cedido para Camping y para construcción de la urbanización A Freixa y el resto para fines industriales”.
Na actualidade o monte Lomba ou Lomba do Cruceiro está na súa case totalidade ocupado por parcelas con usos industriais, unha urbanización con máis de 80 chalés, o Centro de desenvolvemento Local Municipal, un parque de maquinaria da Deputación Provincial e un cámping (abandonado).
Reflexión final
Dos anteriores exemplos dedúcese que os intereses espurios de moitos concellos prevaleceron sobre a responsabilidade de conservar os montes comúns e de respectar os dereitos que sobre eles tiñan as comunidades veciñais e que inda subsistían.
A cuestión do monte veciñal en man común é un tema fundamental no mundo rural de Galicia e chega ata os nosos días con importantes implicacións económicas, sociais e ambientais. Á súa vez, os montes veciñais son peza clave no marco da ordenación do territorio galego. Sendo unha figura xurídica singular e un patrimonio referente de Galicia, debería prestárselle unha maior atención polas autoridades e institucións, buscando dar solucións aos problemas que continúan formulándose.
[1] Son bens comunais os de dominio municipal cuxo aproveitamento e goce pertence exclusivamente aos veciños (artº 187 da Lei do 16 de decembro de 1950 de réxime local).
[2] Fernández de Ana Magán, F. J., Rey Vázquez, L. M., Rodríguez Fernández, R. J (2000): Montes veciñais na provincia de Pontevedra, 1886. Xunta de Galicia.