Seminario final do proxecto LIFE Reforest (vídeo e relatorios)
O 30 de marzo tivo lugar en Santiago de Compostela o seminario final do proxecto Reforest no que participa a Asociación Forestal de Galicia.
Este proxecto está co-financiado pola Comisión Europea a través do programa LIFE e ten como como obxectivo final mitigar a erosión e perda de solo que se produce nas zonas afectadas por incendios forestais, mediante o desenvolvemento e validación dun sistema baseado en micotecnosolos (unha combinación de residuos orgánicos estabilizados e inoculados con fungos) contidos en mangas tubulares de material biodegradable. Estas mangas incorporan ademais un conxunto de sementes autóctonas seleccionadas de acordo coas características do lugar de implantación, co obxectivo de favorecer a rexeneración natural da zona.
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) participou neste proxecto monitorizando a evolución da zona piloto instalada en Galicia e identificando os requisitos que debe cumprir o sistema para ser implantado con éxito nos bosques galegos. O consorcio, liderado por lo Centro Tecnolóxico CETIM complétase coas empresas galegas Hifas da Terra, TEN Tecnosuelos e Indutec Ingenieros, e a participación do Centro de Investigación Medioambiental e Marina (CESAM) da Universidade de Aveiro e a Asociación forestal FORESTIS en Portugal.
Neste enlace pódese acceder ao vídeo do contido completo do seminario e aos relatorios presentados.