Ponse en marcha o Grupo Operativo Supra-autonómico de Sanidade sobre Gonipterus en Eucalipto (GOSSGE)
Dentro do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural, financiado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Grupo Operativo Supra-autonómico de Sanidade sobre Gonipterusen Eucalipto (GOSSGE), obtivo unha subvención (por un importe máximo subvencionable de 61.279,49 euros e cofinanciado pola UE nun 53% e polo MAPAMA nun 47%). Esta axuda para a creación de grupos operativos supra-autonómicos en relación á Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícola (AEI-AGRI) vai destinada ao desenvolvemento dun proxecto dirixido a establecer —a través da innovación— novos sistemas de prospección e novas estratexias de control (especialmente biolóxico e puntualmente integrado) para frear o avance do patóxeno Gonipterus.O proxecto terá unha duración de catro meses e ten por obxectivo a mellora da produción e sostibilidade dos montes de eucalipto españois. Pretende dar resposta ás actuais perdas de entre o 20% e o 25% na produción de eucalipto en España pola acción de Gonipterus platensis e fomentar a loita biolóxica contra este patóxeno entre os propietarios forestais, establecendo ademáis protocolos de seguimento e evolución da praga de doada aplicación, a través do:
- Desenvolvemento de técnicas innovadoras na prospección e avaliación da defoliación de eucalipto e no diagnóstico da presenza de Gonipterus platensis (aplicación de drons).
- Desenvolvemento dunha sistemática eficiente de monitorización coas ferramentas identificadas e coa participación dos axentes implicados.
- Fomento de novas técnicas de control biolóxico e integrado e biorracional do principal axente daniño (Gonipterus platensis), que afecta aos montes de eucalipto cantábricos e galegos, tendo en conta as salvagardas medioambientais.
- Reforzo deste control biolóxico coa introdución dunha nova especie de Anaphes, que complemente e optimice o sistema actual.
O Grupo, coordinado por ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón), inclúe asociacións forestais e de propietarios forestais, biofábricas e centros de innovación biolóxica, empresas aplicadoras, empresas consultoras e tecnolóxicas e empresas químicas. Está integrado por catro membros beneficiarios: a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) como representante, a Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE), a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) e o Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS). Como membros subcontratados participan no proxecto a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA), Estudios Medioambientales SL (ESMA), a empresa de comunicación Información e Imagen- Análisis de Medios SL, a Asociación Forestal de Cantabria (ASFORCAN), a Asociación Forestal de Galicia (AFG) e a Asociación de Propietarios Forestais de Asturias (PROFOAS). E como membros colaboradores o proxecto conta coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia (CMR Galicia), a Consellería de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Principado de Asturias (CDRRNP Asturias), a Consellería de Medio Rural, Pesca e Alimentación de Cantabria (CMRPeA Cantabria) e a ETSI de Montes, Forestal do Medio Natural da UPM (Departamento de Enxeñería e Xestión Forestal e Ambiental).Co financiamento de FEADER (53%) e MAPAMA (47%)