Monte veciñal de Atios, camiñando cara a diversificación do monte
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios, situada na parroquia do mesmo nome do concello do Porriño (Pontevedra) ten una superficie de 333,14 ha , das que un 12 % (22,64 ha) están poboadas por frondosas autóctonas. Este monte veciñal acredita a súa xestión forestal sostible mediante a certificación FSC e PEFC dentro do grupo de Selga.
Dentro dos obxectivos de uso social e mellora medio ambiental do monte, aproveitando os recursos que proporcionan as masas de eucalipto e piñeiro cultivados no monte, a Comunidade de Atios aposta pola ampliación da superficie dedicada a frondosas autóctonas mediante a plantación de castiñeiros e carballos. O obxectivo destas plantacións non se enmarca dentro dun cambio de tipo de produción forestal, senón que se busca favorecer a diversidade dentro do monte veciñal, obter un recurso adicional coa produción de castañas, crear franxas cun modelo de combustible que dificulte a propagación dos lumes, ademais de enriquecer a paisaxe.
Unha vez realizadas as últimas cortas programadas no plan especial do instrumento de ordenación, seleccionaranse varias superficies onde se fomentará a rexeneración natural das frondosas, que será axudada coa repoboación nos casos en que se estime necesario. Parte das plantas empregadas nas plantacións procederán dun pequeno viveiro que posúe a Comunidade.
Estas actuacións continúan as liñas de traballo acordadas polos comuneiros, nas que a conservación do medio ambiente está moi presente, demostrando a crecente sensibilidade medioambiental entre os veciños da parroquia. Sirvan como exemplo os traballos encargados por esta Comunidade para o tratamento fitosanitario do “Freixo de Alvarín”, exemplar de 85 anos de idade incluído no “Catálogo de árbores senlleiras” que mostraba síntomas de decaemento. Ante as trabas burocráticas para que a Administración se fixese cargo do tratamento desta árbore, os comuneiros tomaron a iniciativa e contrataron os servizos dun experto para que este freixo recibise os coidados necesarios.