Faleceu Fernando Molina, pioneiro da investigación e o asociacionismo forestal
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) lamenta a perda de Fernando Molina, que faleceu na madrugada do 1 de xullo aos 102 anos. Fernando Molina foi o primeiro presidente da AFG (1986-2000) e nos últimos vinte anos mantívose como presidente de honra da Asociación, participando activamente na vida da entidade. O seu pasamento representa unha gran perda para o mundo forestal galego, pois a parte de que foi un dos pioneiros da investigación forestal en Galicia, era unha persoa apreciada e querida no sector.
Nado en Pravia (Asturias) no 1918, Molina chegou a Galicia no 1947, ano no que comezou a traballar no que é hoxe o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Desde 1959 a 1985 dirixiu ininterrompidamente o Centro, mantendo unha actividade moi prolífica como investigador. Destacan en especial as súas contribucións á mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e do castiñeiro.
Tras a súa xubilación como funcionario público, Fernando Molina implicouse na posta en marcha da Asociación Forestal de Galicia, converténdose no seu primeiro presidente desde 1986 ata o ano 2000, cando cesou por vontade propia. Desde entón, era o presidente de honra da Asociación Forestal de Galicia.
Durante o seu periplo profesional, é de subliñar tamén que foi elixido no 1989 como presidente do consello de membros da Unión de Silvicultores do Sur de Europa (USSE).
Recensión curricular
Resumimos a continuación algúns elementos a destacar do currículo de Fernando Molina Rodríguez.
1941-46: cursou estudos de Enxeñeiro de Montes na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes de Madrid.
1947: ingresou no Instituto Forestal de Investigacións e Experiencias, ocupando a praza de Enxeñeiro investigador do Centro Rexional de Ensinanzas e Investigacións Forestais (CREIF) de Lourizán en Pontevedra, máis coñecido como Centro Forestal de Lourizán.
1953: foi nomeado Xefe do Servizo do CREIF e compatibiliza este traballo cos labores de investigador en Xenética Forestal, onde acadou unha importante bagaxe no coñecemento do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’). . Tras unha estadía de investigación en Suecia, encoméndanselle o deseño e instalación do arboreto de Lourizán.
1954: creou a Escola de Capataces Forestais de Lourizán na que puxo en marcha unha metodoloxía de ensino moi específica que lle dará sona en toda España pola calidade dos profesionais alí preparados. A idea de estudo nas aulas compatibilizada con outro tanto de prácticas en traballos reais de monte e viveiro, que eran pagos polo Centro, dáballe a estes alumnos ao longo de dous anos, unha formación importante para as funcións que posteriormente tiñan que cumprir no monte.
1956: creou a rede meteorolóxica de Lourizán pola necesidade de encher as lagoas de datos climáticos que se atopaban nas áreas montañosas de Galicia. Rede que sería modelo en toda España e que hoxe ten un valor extraordinario pola rigorosidade da súa información.
Paralelamente estableceu as bases de organización do CREIF coa colaboración de persoeiros tan importantes como como son Julián de Zulueta, Carlos Valencia, Héctor Martínez e Salvador Bará. Desde os seus primeiros contactos recén chegado a Pontevedra con Cruz Gallástegui, Daniel de la Sota, Rafael Areses e os que mantiña en Madrid con José B. Martínez, Ignacio Echeverría e José Elorrieta dá paso a unha apertura a outros investigadores e estudosos como o fisiólogo Ernesto Viéitez, o botánico Padre Laínz, o bibliófilo Antonio Odriozola, por mencionar algúns notables exemplos das actividades moi variadas que converten a Lourizán nun Centro aberto á participación de moita xente en múltiples facetas do saber.
Destas colaboracións nace en 1956 o “Programa de Defensa del Castaño”, patrocinado por Paulino Hermosilla desde a Dirección Xeral de Montes de Madrid; este programa foi realizado en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia, a Estación de Fitopatoloxía Agrícola da Coruña e o IFIE de Madrid, dando lugar a unha importante produción de castiñeiros resistentes ao mal da tinta que se espallan por toda España e incluso o estranxeiro.
1957: instalou as parcelas de razas de ‘Pinus pinaster’ en Cuntis, Fornelos de Montes e outros lugares. Parcelas que serían complementadas con outras instaladas con posterioridade en moitas localidades galegas. Estes ensaios son dun valor científico moi importante por ser as primeiras que se montaban con este piñeiro en Europa e cun deseño moi avanzado.
1959: foi nomeado Director Centro Rexional de Ensinanzas e Investigacións Forestais (CREIF) de Lourizán en Pontevedra, cargo que ocupou de maneira ininterrompida ata 1985.
En 1960 iniciáronse en Lourizán cursos de xardinería para afeccionados e en 1961 cursos de divulgación de micoloxía. Nestas dúas actividades conséguese unha proxección interesantísima do Centro cara a sociedade pontevedresa e galega en xeral. Estas actividades darían lugar a un importante coñecemento do CREIF en toda España.
En 1961 a “Estación de Ensayo de Semillas” do Centro, dependente do Servicio de Semillas de Madrid, chegou a producir 11.661 kg de sementes de corenta especies leñosas e 1.289 kg de herbáceas. Tanto o Servizo de Sementes coma o viveiro cumprían a dobre finalidade de ensino e de recurso económico.
Dado que este sistema de financiamento permitiu unha certa dispoñibilidade de diñeiro, no ano 1968 o Centro de Lourizán comprou por 800.000 pesetas unha importante colección de sementes de Pseudotsuga (piñeiro de Oregón). Esta adquisición permitiulle a España entrar nun programa de ensaios con esta especie. Esta colección sería a base dos amplos ensaios que con posterioridade se levaron a cabo ao longo da España húmida e dos que aínda se están obtendo importantes informacións.
1969: foi nomeado Xefe de Sección do Instituto Forestal de Investigación no antigo Instituto Forestal de Investigaciones y Experiencias (IFIE) e en 1973 Xefe do Departamento de Produción Forestal do Centro Regional de Investigaciones y Desarrollo Agrario (CRIDA).
1973: foi nomeado coordinador nacional dos programas de investigación forestal, polo que entra en contacto con investigadores norteamericanos. A súa ansia por coñecer os bosques americanos, dos que tanto sabía a través dos libros, cúmprese en 1975 dentro dun programa de intercambio de investigadores españois e norteamericanos.
1979: foi elixido Coordinador Nacional dos proxectos de investigación sobre produción forestal, sendo proposto para esta función polos investigadores da rama Forestal do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (INIA), cargo que ocupou ata 1982.
Como investigador de campo, nas súas longas correrías polos montes de Galicia fixo importantes observacións botánicas, edafolóxicas e mesmo sanitarias. Entre outras moitas cousas, determina por primeira vez a subespecie subfruticosa do ‘Quercus robur’ nos cantís do monte Pindo, hoxe coñecida como ‘Quercus subfruticosa’.
1985: unha vez xubilado das súas funcións públicas, iniciou un novo cometido cooperando na fundación da Asociación Forestal de Galicia con sede en Santiago de Compostela. A Asociación, constituída en 1986 propúxoo como presidente na súa primeira Asemblea Xeral, cargo que ostentou ata o ano 2000 en que cesou a petición propia.
Ao longo destes quince anos de vida da Asociación contribuíu de xeito decisivo ao engrandecemento da cultura forestal, achegando todo o seu saber en múltiples materias técnicas, animando o asociacionismo dos silvicultores galegos, aportando a súa colaboración á Xunta de Galicia en materia de incendios forestais, economía e fiscalidade, así coma no conxunto do planeamento forestal.
Como presidente da Asociación Forestal de Galicia, foi o promotor e cofundador da Unión de Silvicultores do Sur de Europa (USSE), entidade que agrupa a asociacións de propietarios de montes de Francia, Portugal, Italia, Grecia e España. En 1989 foi elixido presidente do Colexio de Membros da USSE.
En 1993, representando á Asociación Forestal de Galicia, foi membro fundador da Confederación das Organizacións de Silvicultores de España (COSE) na que ocupou o cargo de vicepresidente durante sete anos.
Á fronte da Asociación Forestal de Galicia foi conselleiro e asesor de diversos programas de política forestal, exerceu un importante labor formativo e de divulgación de técnicas silvícolas entre os propietarios forestais.
Especial mención merece a súa contribución na creación do Servizo de defensa contra incendios forestais de Galicia, na elaboración do Plan Forestal de Galicia e do Plan Forestal de Asturias, na reforma da fiscalidade que afecta aos montes particulares e montes veciñais en man común, na utilización da biomasa na xeración de enerxía e na participación dos propietarios forestais na explotación dos recursos eólicos como fonte de enerxía.
Escribiu numerosos artigos en diversas revistas e publicacións, tanto de índole científica coma divulgativa, tamén participou en numerosos seminarios e conferencias nacionais e internacionais, así como na elaboración de informes acerca do estado do monte galego e a produción forestal.