A Universidade de León premia a COSE coa Insignia de Ouro polo seu labor como coidadores dos bosques
A Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE), da que é membro fundador a Asociación Forestal de Galicia, foi merecedora da Insignia de Ouro da Escola de Enxeñaría Agraria e Forestal (EIAF) da Universidade de León. A entrega da Insignia tivo lugar o 18 de marzo de 2022 en Ponferrada. O premio foi recollido polo presidente de COSE, Francisco Carreño, no marco dun acto académico e de graduación coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Bosques.
A Insignia de Ouro foi concedida aos silvicultores polo seu labor como gardiáns e xestores dos bosques españois. COSE representa e coordina 14 asociacións de propietarios forestais para axudarlles a xenerar actividade económica, contribuir á calidade de vida e obter o recoñecemento da xestión activa do territorio para a sostibilidade do planeta.
A Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE), é unha organización forestal de ámbito estatal que se constituíu a finais de 1987 co fin de reunir ás asociacións de propietarios privados forestais existentes nas diferentes comunidades autónomas, ofrecendo un marco para consensuar as súas ideas sobre os temas forestais, e facelas chegar á opinión pública e ás administracións española e europea. Actualmente está integrada por todas as asociacións forestais de cada comunidade autónoma excepto Canarias.
COSE é a única organización profesional forestal, independente e sen ánimo de lucro que defende e representa os intereses dos propietarios forestais/silvicultores en todo o Estado español e en Europa a través da súa presenza como membro do CEPF (Confederación Europea de Propietarios Forestais) e no mundo a través da IFFA (International Family Forest Alliance).
Entrevista ao presidente de COSE (Cinco Días-El País 22/03/2022)