A bioeconomía como oportunidade para o sector forestal: 8 entrevistas en vídeo
No marco do proxecto Biotecfor, a Asociación Forestal de Galicia entrevistou a expertos do ámbito forestal, empresarial e de I+D, así como a axentes institucionais, co obxectivo de divulgar as posibilidades que se abren para bionegocios ligados ao monte.
O proxecto Biotecfor, que se desenvolveu na eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, analizou as posibilidades da bioeconomía vencellada ao sector forestal. Nesa liña, Biotecfor identificou áreas de bionegocios que empregan ou poden chegar a empregar os recursos forestais renovables como materia prima.
Co obxectivo de reflexionar sobre as perspectivas de futuro de distintas áreas de bionegocio, a Asociación Forestal de Galicia, unha das entidades participantes no proxecto Biotecfor, elaborou unha serie de 8 entrevistas con expertos do ámbito forestal, empresarial e de I+D, así como con axentes institucionais. O obxectivo é que a difusión deste coñecemento contribúa a xerar novos proxectos ou iniciativas innovadoras.
Todas as entrevistas foron realizadas en vídeo no outono de 2020 para a súa difusión posterior na web do proxecto, en YouTube e nos medios de comunicación. Parte delas trasladáronse tamén en papel a unha publicación de Biotecfor.
Resumimos a continuación o contido das 8 entrevistas.
Manuel Guaita, director da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE), Universidade de Santiago de Compostela (https://youtu.be/_JOk5P8P9Xg)
A construción con estruturas de madeira é unha tendencia en auxe en Europa, ata o punto de que a madeira está comezando a coller a testemuña do ladrillo e do formigón na construción urbana en altura. É un material renovable, sostible e que presenta evidentes vantaxes nos edificios, como a súa lixeireza, a súa capacidade como illante térmico e a súa estética.
Que oportunidades abre a construción estrutural en madeira para o monte galego e para a industria forestal?. Falamos disto con Manuel Guaita, director da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE), da Universidade de Santiago (Campus Terra).
Antonio Álvarez, enxeñeiro especializado en téxtil sostible (https://youtu.be/GgbrTFac2RQ)
Durante 25 anos, Antonio Álvarez traballou na multinacional Inditex, na que foi responsable do seu departamento de Medio Ambiente. Como enxeñeiro especializado en téxtil sostible, Álvarez analiza nesta entrevista as oportunidades que se lle presentan ao sector forestal no desenvolvemento de fibras téxtiles.
Os materiais clásicos, como o algodón ou o poliéster, están no punto de mira polo impacto medioambiental asociado aos seus procesos produtivos, polo que fibras forestais como o lyocell ou a viscosa sostible representan una opción para o monte galego. Nese marco, Álvarez subliña a necesidade de apostar pola sostibilidade de todos os procesos vencellados ao aproveitamento forestal e incide na necesidade de conformar un conglomerado que ligue investigación, mundo forestal e innovación empresarial.
[Nota: Entrevista gravada antes do anuncio da Xunta sobre a posibilidade de montar en Galicia unha planta de viscosa cofinanciada por fondos Next Generation.]
Raquel Ledo, responsable de innovación de materiais no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (https://youtu.be/pPWrXA7je2w)
O sector do automóbil está empregando xa no interior dos vehículos un biomaterial que mestura fibras forestais, resinas e plástico. Son os composites, un produto que presenta grandes perspectivas de desenvolvemento nos vehículos, tanto polas súas propiedades (estéticas, illamento sonoro e térmico) como pola súa sostibilidade (menor pegada de carbono, reciclabilidade).
O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia leva investigando en el uso de composites desde o ano 2006. Falamos con Raquel Ledo, responsable de innovación de materiais no centro, para coñecer as posibilidades de que a produción industrial de composites con destino á automoción se desenvolva en Galicia nos próximos anos.
Xosé Represas, rede municipal de calor de Ponteareas (https://youtu.be/c2Rk754eZ8Y)
O uso da biomasa residual dos montes para a xeración de calor na súa contorna é unha posibilidade que xera un dobre beneficio ambiental. Por un lado, a biomasa, un produto neutro de emisións, substitúe aos combustibles fósiles; e por outro, a retirada do monte de pés procedentes de entrecollas e de restos de poda contribúe á prevención de incendios, ao reducirse a carga de combustible. A biomasa representa ademais unha oportunidade para comunidades de montes e propietarios para valorizar madeira que non tería saída comercial.
En Ponteareas (Pontevedra) estase poñendo en marcha unha rede municipal de calor para subministro dos edificios municipais. Falamos co seu alcalde, Xosé Represas, que explica as vantaxes do proxecto e as posibilidades de réplica dese modelo.
Jesús Rodríguez, presidente da Comunidade de Montes de Piñeiro (Tomiño, Pontevedra) (https://youtu.be/G3eFp7gmdO0)
O monte veciñal de Piñeiro (Tomiño, Pontevedra) é un exemplo dun monte multifuncional. Nunha zona que hai anos era espazo habitual de incendios combínanse na actualidade masas forestais de piñeiro e eucalipto con plantacións de kiwi e con áreas de ocio para os veciños e para actividades hípicas.
Falamos co presidente da comunidade de montes, Jesús Rodríguez, que explica como cambiou o monte e a súa influencia na contorna.
José Carballo, presidente da Fundación Arume (https://youtu.be/hI6qCGqIzvg)
Os piñeirais galegos suman anos de retroceso por distintos factores, como os incendios, as pragas ou a súa substitución por outras especies, coma os eucaliptos. Ao tratarse os piñeiros dunha especie fundamental nos montes galegos e dunha materia prima imprescindible para a cadea galega da madeira, o conxunto do sector forestal uniuse na Fundación Arume para propiciar a recuperación das masas de coníferas, en cantidade e calidade, e potenciar e revalorizar o seu aproveitamento industrial.
Falamos co presidente da Fundación Arume, José Carballo, sobre as perspectivas do piñeiro no marco dos bionegocios tradicionais e innovadores.
[Nota: Entrevista gravada antes do anuncio dunha moratoria para o cultivo do eucalipto]
José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal (https://youtu.be/kX4lROgtXdw)
Como mellorar a xestión do monte en Galicia?, que oportunidades lle ofrece a economía verde ao monte galego?, como compatibilizar as demandas sociais de conservación da natureza coa xestión forestal? Son cuestións candentes que se abordan nesta entrevista co director xeral de Planificación e Ordenación Forestal de Galicia, José Luis Chan.
Ignacio Lema, director de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal (https://youtu.be/YhUwaASG-AA)
Analizamos os retos aos que se enfronta a industria forestal galega en relación aos novos usos que está protagonizando a madeira. Para isto falamos co director de XERA, a Axencia Galega da Industria Forestal, que aborda posibilidades e segmentos innovadores que teñen encaixe no panorama monte – industria de Galicia.