Financiamento para aumentar a produción de planta mellorada de pinaster e radiata
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) vén de aprobar unha axuda para o desenvolvemento do proxecto titulado “Amplificación operacional da produción seminal tradicional de planta de piñeiro en Galicia” por un importe de 161 700 €.
O consorcio do proxecto está liderado pola Fundación Arume, e composto pola propia Fundación, a Asociación Forestal de Galicia, Viveiros Costa de Lóngaras S.L.U., Hifas Foresta S.L. e Viveros San Mamed S.L.U.
Esta rede de cooperación persigue unha actuación de innovación e transferencia de resultados, integrando a empresas e institucións directamente involucradas na produción de planta de coníferas e centros tecnolóxicos e de investigación forestais, así como a produtores de madeira e a consumidores.
O obxectivo desta iniciativa é despregar por primeira vez en Galicia os resultados da investigación sobre mellora xenética de Pinus radiata e de Pinus pinaster realizados tamén en Galicia mediante a adaptación piloto da multiplicación vexetativa dos principais materiais mellorados nunha contorna operativa real. Preténdese acadar:
- Un aumento da produción vexetal dos viveiros forestais ata chegar a mobilizar a curto prazo 5 millóns de árbores/ano.
- Un incremento da produción e do subministro de madeira á industria de transformación galega, en cantidades progresivas dende plantacións rendibles.
- Un incremento de rendibilidade dos silvicultores, xa que os novos materiais xenéticos permitirán quendas de corta máis reducidas e/ou terán máis resiliencia a Bursaphelenchus xylophilus.
- Unha revalorización do uso da madeira para a industria derivado da mellora en calidade de madeira que terán os novos materiais xenéticos capturados para programas de mellora avanza
Nos tres viveiros forestais participantes no proxecto realizarase unha implantación piloto innovadora de campos de pés nai para a produción de estacas, unha escalada pre-comercial da multiplicación vexetativa por enraizado de estacas, e unha posterior recría do plantel xerado de materiais xenéticos mellorados de coníferas galegas. Ademais, abordarase a captura piloto por embrioxénese somática e crio-conservación de xenotipos pertencentes a familias melloradas de piñeiro para a produción do vitroplantas que se incorporarán aos programas de mellora xenética destas especies (medio prazo) así como a novos campos de pés nai (curto prazo), portando a suma das melloras e adaptacións familiares e clonais ao mesmo tempo.
Ata o momento, a cantidade de planta forestal dispoñible a partir de reprodución convencional por semente destes e doutros materiais xenéticos mellorados de piñeiro non pode satisfacer a curto prazo a potencial demanda, de aí o interese deste proxecto.
Nunca antes en Galicia se produciu vexetativamente en condicións operacionais reais planta forestal de piñeiro mellorado. Con este proxecto, preténdese adaptar e validar a técnica da amplificación vexetativa de piñeiro por enraizado de estacas collidas de brinzais élite en cantidades operacionais e en viveiros comerciais galegos.
Dentro do proxecto tamén se validará:
- A adaptación nunha contorna real de laboratorio operacional da captura de masas celulares proembrioxénicas de piñeiro por medio da embrioxénese somática. Poderanse coñecer a reactividade dos materiais operacionais galegos aplicados a esta técnica e á crio-conservación en ultraconxelador.
- O control xenómico da composición xenética e valoración da diversidade da planta producida por enraizado de estacas a partir dos campos de pés nais instalados nos viveiros forestais galegos, garantindo así a transferencia completa dos materiais obtidos no programa de mellora aos lotes de planta comercial.
- A ganancia xenética obtida por mellora xenética seminal para os novos materiais xenéticos de Pinus radiata ensaiados en Galicia dos que procederán os campos de pés nai do proxecto.
- As técnicas de inoculación micolóxica de Lactarius deliciosus (níscalo) tanto en pés nai como en estacas en proceso de enraizamento de piñeiro.
Este proxecto ten financiamento ao abeiro da Resolución do 11 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 141, do 26 de xullo de 2023).