Monte demostrativo do Pico Sacro

O monte demostrativo do Pico Sacro está situado no concello de Boqueixón (parroquia de Lestedo), na provincia da Coruña, e pretende converterse nun lugar de referencia para as persoas interesadas en coñecer técnicas silvícolas e procedementos sostibles de xestión de plantacións de frondosas para a produción de madeira de alto valor compatibles coa conservación de valores ambientais.

Foi deseñado para permitir a realización de actividades divulgativas dirixidas aos potenciais usuarios: propietarios forestais, comunidades de montes veciñais, xestores forestais, alumnos de escolas forestais, estudantes, investigadores e expertos. O deseño do monte  permite un acceso cómodo, conta con sinalización das parcelas demostrativas e de itinerarios didácticos.

O proxecto de monte demostrativo alberga modelos silvícolas que fan compatible a súa función de sumidoiro biolóxico de gases de efecto invernadeiro co aproveitamento de distintos produtos forestais, madeireiros e non madeireiros.

O proxecto busca a difusión entre os propietarios forestais galegos destes modelos silvícolas e pretende que o monte sirva de lugar de referencia a escala operativa para divulgar técnicas e coñecementos silvícolas, así como para practicar procedementos sostibles de xestión dos recursos.

O desenvolvemento deste proxecto parte dunha idea orixinal da AFG que contou  coa  colaboración dun equipo de expertos de varias institucións moi involucradas na mellora dos montes galegos.

O proxecto foi patrocinado  polo  Grupo INDITEX e co respaldo deste grupo se desenvolven as actividades divulgativas e formativas que se organizar durante todolos anos . Este grupo empresarial, no marco da súa política corporativa de compromiso ambiental e social, promove liñas de investigación no ámbito da silvicultura, entre outras a mellora xenética de diversas especies forestais arbóreas como a cerdeira (Prunus avium), o castiñeiro (Castanea x hybrida) e outras que é preciso introducir nos montes galegos para cerrar o ciclo e permitir que estas innovacións e coñecementos cheguen aos silvicultores galegos.

O monte demostrativo foi inaugurado o 21 de marzo de 2018, coincidindo coa celebración do  Día Internacional dos Bosques

Os propietarios do monte e a xestión

O monte demostrativo ocupa unha superficie de 18 ha e pertence a once propietarios forestais que subscribiron un acordo a longo prazo coa Asociación Forestal de Galicia para a xestión das súas propiedades. Antes de iniciar a intervención, o recinto presentaba un alto grao de deterioro, con masas de eucalipto procedentes de antigos incendios e moi afectadas por ataques de goniptero, parcelas que evolucionaron de forma natural sen ningún coidado e cultivos agrarios con baixo nivel de explotación.

O monte é xestionado  polo equipo técnico da Asociación Forestal de Galicia coa colaboración de expertos do Forest Stewardship Council (FSC) e e da Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego (ACEFGA).

Características do monte e as plantacións e intervencións realizadas

O monte está situado na ladeira sur do Pico Sacro, en terreos característicos da interface agrícola-forestal onde na actualidade se mesturan cultivos forraxeiros, plantacións forestais e rodais de frondosas.

As características estacionais e forestais mais relevantes son as seguintes:

  • Altitude: 300 a 350 m
  • Orientación: predomina solaina
  • Precipitación anual: 1.200-1.400 mm
  • Temperatura media anual: 13 ºC
  • Solos: derivados de rochas gnéisicas de carácter silícico, con textura de tendencia franco areosa a franca e baixo contido de minerais alterables.
  • Superficie actual: 18 ha
  • Superficie de solo forestal: 10 ha
  • Superficie de solo agropecuario: 8 ha
  • Propietarios participantes na iniciativa: 11
  • Parcelas catastrais agrupadas: 14
  • Especies utilizadas: cerdeira, nogueira, castiñeiro e carballo americano
  • Produtos principais a obter: madeira de alto valor, cogomelos e froitos forestais
  • Produtos secundarios: forraxe (millo e herba) O monte está dividido en dúas zonas que responden á clasificación do solo rústico (forestal e agropecuario) existente no conxunto da parcela. Ademais, o monte presenta, distribuída por todo o recinto áreas de conservación e custodia cos enclaves ecolóxicos máis singulares.

Que hai plantado?

No Monte demostrativo do Pico Sacro empregouse castiñeiro, cerdeira, nogueira e carballo americano, planta que procede de material xenético mellorado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán no marco dos proxectos promovidos polo Grupo INDITEX.

Tamén se empregou material procedente de recoñecidos viveiros e de centros de investigación do sur de Europa.

Visitas ao monte demostrativo do Pico Sacro

As visitas son organizadas pola AFG previa solicitude das entidades interesadas, e os visitantes estarán acompañados por expertos formados para estes fins.

Os visitantes poden observar:

  • Plantacións que amosan resultados das liñas de investigación de mellora xenética, comprobando o crecemento do arborado.
  • Informarse dos métodos de plantación e fertilización empregados e dos seus custos.
  • Visualizar e practicar operacións silvícolas como son as podas de formación e de calidade, os tratamentos sanitarios preventivos, ou a recollida de froitos e cogomelos.
  • Observar os coidados das áreas de conservación e custodia destinados a mellorar os hábitats naturais.
  • Coñecer as producións en madeira de alto valor, froitos e cogomelos e informarse sobre os resultados económicos.
  • Comprobar as vantaxes de dispoñer de certificación forestal e da venda de aproveitamentos certificados.

Zona forestal

1.1. Plantación de castiñeiros híbridos (C. sativa x C. crenata)

Rodal dedicado á produción de madeira de chapa de castiñeiro e cogomelos. Plantáronse dous clons híbridos de alta resistencia á tinta e de gran produción de madeira. Está dividido en tres subrodais, un deles plantouse con híbrido micorrizado para favorecer a produción de Boletus edulis.

  • Clon 90044. Marco real 5×5 m 1.1.2.
  • Clon 90044 micorrizado (50 %) + Clon 90044 (50 %). Marco real 5×5 m 1.1.3.
  • Clon 7810. Marco real 5×5 m 1.2.

1.2. Souto vello

Rodal dedicado á produción de madeira de castiñeiro, castaña e cogomelos. Trátase dunha plantación de castiñeiro realizada en 1995 que presenta un gran número de pés en mal estado en canto a réxime de podas e calidade do fuste. Intervirase para ir formando subrodais de produción de madeira e subrodais de produción de castaña, substituíndo os peores pés por castiñeiros procedentes de mellora xenética.

1.3. Plantación mixta de frondosas

É un rodal dedicado á produción de madeira de chapa de alto valor. Plantáronse tres especies formando subrodais de masas mixtas de dúas especies coa finalidade de observar a evolución sanitaria e produtiva deste tipo de formacións.

1.3.1.     Castiñeiro híbrido (Clon 7810) + cerdeira (Clon 1 Lourizán). Marco real 5×5 m

1.3.2.     Nogueiras híbridas (clon Mj209xRa3 e Ng209xRa) + cerdeira (Clon 1 Lourizán). Marco real 5×5 m

1.3.3.     Castiñeiro híbrido (Clon 90044) + carballo americano. Marco real 5×5 m

1.4. Plantación de cerdeiras

É un rodal de masas puras de cerdeira dedicado á produción de madeira para chapa de alto valor situado nun antigo eucaliptal. Establecéronse dous subrodais cos mellores clons producidos no programa de mellora xenética de cerdeira do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

1.4.1.     Clon 1 Lourizán. Marco 5×5 m

1.4.2.     Clon 2 Lourizán. Marco 5×5 m

Zona agroforestal

2.1. Plantación de cerdeiras + millo

En solo de uso tradicional e clasificado como agropecuario instalouse unha parcela na que se ensaia a produción de madeira de cerdeira en marcos amplos intercalada co cultivo de millo.

2.1.1.     Clon 1 Lourizán. Marco 12×5 m

2.1.2.     Clon 2 Lourizán. Marco 12×5 m

2.2. Plantación de nogueiras híbridas + millo

En solo clasificado como agropecuario instalouse unha parcela na que se ensaia a produción de madeira de nogueira en marcos amplos intercalada co cultivo de millo.

2.2.1.     Nogueira híbrida, clon Mj209xRa3. Marco 6×5 m

2.2.2.     Nogueira híbrida, Ng209xRa. Marco 12×5 m

2.2.3.     Nogueira híbrida, clon Mj209xRa3. Marco 12×5 m

2.2.4.     Nogueira híbrida, Ng209xRa. Marco 6×5 m

2.3. Plantación de nogueiras

En solo clasificado como agropecuario instalouse unha parcela dedicada á produción de noz que permite comparar a produción de froito de nogueira do país coa das variedades máis produtivas existentes no mercado.

2.3.1.     Nogueira do país. Marco 7×7 m

2.3.2.     Nogueira variedade ‘Franquette’. Marco 7×7 m

2.3.3.     Nogueira variedade ‘Fernor’. Marco 7×7 m

2.4. Plantación de castiñeiros

En solo clasificado como agropecuario instalouse unha parcela dedicada á produción de castaña que permite comparar a produción de catro variedades de castiñeiro adaptadas ás características estacionais da comarca.

2.4.1.     Castiñeiro variedade ‘Negral’. Marco 7×7 m

2.4.2.     Castiñeiro variedade ‘Parede’. Marco 7×7 m

2.4.3.     Castiñeiro variedade ‘Luguesa’. Marco 7×7 m

2.4.4.     Castiñeiro variedade ‘Rapada’. Marco 7×7 m

Zonas de conservación e custodia

Distribuídos por toda a parcela existen unha serie de enclaves de interese ecolóxico que permitirán conservar hábitats singulares, favorecendo a permanencia de numerosas especies de fauna e flora que contribuirán a mellorar a biodiversidade e a previr a aparición de problemas sanitarios nas plantacións. A conservación e xestión destas zonas fan posible obter a certificación de xestión sostible para o conxunto do monte e dos seus aproveitamentos futuros.

Depósitos e punto de auga

Tres grandes depósitos de auga forman parte do dispositivo de prevención de incendios forestais e permitirán o rego das plantacións máis esixentes no caso de períodos de forte seca.

Camiños do monte

Unha rede de camiños permite un acceso cómodo aos distintos rodais do monte. A sinalización existente facilita aos visitantes o recoñecemento das especies e as características dos rodais.

    Central workshops
    Rúa do Vilar, nº 33, 1º 15705 Santiago de Compostela
    981 564 011
    Xinzo-Ponteareas offices
    Xinzo Cultural Center, Portela, nº 34, 36891 Pontareas.
    986 660 864