A preparación do terreo e a planta
Dous dos factores que inciden de maneira decisiva no éxito dunha boa plantación son a preparación do terreo e a elección da planta.
The preparation of the land
En xeral, para a plantación de calquera especie forestal cómpre eliminar primeiro a vexetación de competencia existente na parcela a repoboar. É preciso aclarar que cando se trate de terreos procedentes de concentración parcelaria forestal ou de repoboacións feitas tras unha corta, non se deben deixar árbores adultas polo medio. Esta práctica, moi apreciada por algúns silvicultores galegos, non ten fundamento nin futuro ningún, sobre todo cando quedan espalladas pola parcela mesturadas coa planta nova. Estas plantas adultas van supoñer un estorbo para as boas prácticas silvícolas que hai que levar a cabo na plantación, dobran o fuste das novas plantas pola busca de luz e finalmente vai haber que extraelas, supoñendo, non só un custo engadido, se non tamén un risco para a planta nova.
Unha vez eliminada a vexetación de competencia, cómpre amolecer o terreo en profundidade por medio de subsolado. O subsolado é o método de preparación do terreo máis común por tratarse dunha operación barata e cun bo efecto. Convén facelo no sentido de máxima pendente para facilitar o labor e deixar a plantación nunha disposición máis cómoda para futuros traballos de mantemento.
E por último, sobre todo en terreos procedentes do abandono da agricultura ou en montes cubertos de matogueira, convén facer un labor a eito ou nas franxas de plantación, preferiblemente con grade pesada en vez de fresa, para favorecer a descompactación do solo e castigar o agromado da vexetación preexistente.
No caso de que por pendente excesiva ou risco de erosión, non se puidese efectuar o subsolado continuo, pódese facer un subsolado puntual ou buratos cunha retroexcavadora.
No caso de terreos chans con algo de encharcamento temporal ou con dificultades de drenaxe, convén abrir gabias de saneamento na dirección que facilite a evacuación da auga e non obstaculice o labor mecanizado, e facer somas de xeito que a raíz da planta quede por riba do nivel do solo nos primeiros anos de implantación.
No caso de terreos pedregosos, ao facer o subsolado poden aflorar pedras á superficie do terreo que estorbarán en futuros traballos e afean o aspecto da plantación. Para evitalo, pódese reducir o ancho do labor no subsolado ou substituílo por aburatado.
A elección da planta
A elección dunha boa planta cunha calidade xenética e morfolóxica adaptada ao noso terreo é fundamental para conseguir unha plantación exitosa. Os resultados das repoboacións dependen, en gran medida da procedencia da planta.
É necesario coñecer a procedencia da planta ou da semente para escoller aquela cuxa orixe se asemelle máis ao sitio onde se vai plantar.
O máis habitual é empregar planta en contedor ou a raíz núa. A sementeira raras veces se emprega e unicamente é aconsellable no caso de querer unha plantación espesa a baixo custo.
No caso de decidir empregar planta en contedor, hai que procurar que o tamaño do contedor sexa acorde co tamaño e idade da planta, do contrario vanse producir moitos inconvenientes á hora de enraizar. A raíz debe estar equilibrada coa parte aérea (talo dereito e groso na base) e ben disposta no contedor e sen enrolamentos nas raíces.
A planta a raíz núa permite un desenvolvemento rápido e amplo do sistema radical e prende con relativa facilidade pero hai que ter coidado de repicar (cortar un pouco) as raíces e dispoñelas ben no terreo para que se desenvolva de forma axeitada. O principal inconveniente é que só se pode empregar no inverno.