Cando se realiza unha plantación orientada á produción de madeira de calidade, ben sexa de frondosas ou de coníferas, utilízase habitualmente unha densidade de plantas por hectárea superior á que deberá ter no momento da súa corta, polo que, ao longo da quenda, deberemos ir diminuíndo a espesura a medida que as árbores medran, ata acadar unha densidade moito menor na idade adulta da repoboación.
Ao igual que ocorre cos recepes no caso das frondosas, somos conscientes do traballo que lle supón a algúns propietarios forestais facer as desmestas e os rareos, pero estes tratamentos son indispensables para conseguir que os pés mellor conformados medren os seus últimos anos con folgura abondo para engordar o máximo posible e producir unha madeira de boa dimensión, sen competencia doutros peor conformados.
As primeiras cortas que se fan nunha plantación reciben o nome de desmestas (clareos en castelán) e, xeralmente, non teñen valor comercial como madeira, aínda que nalgúns casos poderían ser empregados os pés extraídos para aproveitamento enerxético como biomasa, estacas ou trituración. As cortas dos pés que xa poden ter valor comercial reciben o nome de rareos (claras en castelán).
Estes dous labores, ademais de necesarios para conseguir levar ao final da quenda os pés mellores nas condicións de medrío máis idóneas, permiten ir obtendo algún rendemento económico antes de chegar á corta final e así axudar ao coidado dos pés de porvir.
Asemade axudarán a evitar pragas e doenzas eliminando os pés afectados por elas.
As desmestas son habituais nos rexenerados naturais ou sementeiras onde se levan a cabo nos primeiros anos para diminuír a espesura do rexenerado que nestes casos adoita ser moi grande.
Tanto as desmestas coma os rareos débense ir facendo pouco a pouco, sen desequilibrios bruscos do medrío das árbores. Un rareo excesivo pode provocar máis mal que ben xa que entre outras cousas exponse a masa excesivamente ao vento. É habitual que se fagan coincidir as desmestas ou primeiros rareos con podas para reducir custos na eliminación de restos e porque ambas operacións deben ir acompañadas dunha selección de pés de porvir. Sería un traballo inútil podar pés que se van a cortar ao pouco tempo.
Hai que procurar manter sempre un bo equilibrio entre a altura e o diámetro, o que se chama esvelteza. Os pés que medran cunha espesura excesiva poden quedar cunha esvelteza alta e corren máis risco de sufrir un dano nunha intervención de desmesta ou rareo e de non acadar o diámetro de interese comercial na quenda planificada.
Nos pés de porvir escollidos é nos que se deberán centrar todos os coidados, como a poda. Resulta inútil e antieconómico podar pés defectuosos que serán cortados antes da corta final.
Tanto no caso das desmestas como no dos rareos, deberanse reservar os mellores pés, repartidos homoxeneamente por toda a parcela, que serán os que se aproveitarán na corta final. Nestas cortas intermedias cortaranse os pés con máis defectos, que se enumeran de maior a menor gravidade:
É moi difícil establecer un calendario para levar a cabo as desmestas e os rareos. O momento vai depender da especie forestal, da calidade do terreo, do marco de plantación escollido, dos traballos feitos con anterioridade, etc., polo que se recomenda que se se carece de experiencia neste tipo de labores, se recorra a un técnico na materia, especialmente nos casos dos montes de frondosas.
Como norma xeral pódese dicir que unha desmesta ou un rareo deberase facer de forma progresiva en varias intervencións e tendo presente a densidade final e quenda da masa forestal. Se unha masa forestal leva un programa de rareos axeitado desde o principio é recomendable que pasen polo menos 5 anos entre unha e outra, período abondo para que medren as árbores e se recupere unha situación de competencia entre eles. En canto á porcentaxe máxima de pés a cortar, pódese considerar un 50 % en desmestas e un 25 % nos rareos.
Tendo en conta que o marco de plantación para frondosas máis empregado en Galicia é o de 4×4, estamos partindo dunha densidade inicial de 625 plantas por hectárea, ou no caso de ter plantado a 3×3, o máis habitual nas repoboacións de piñeiros ou eucaliptos, representa una densidade de 1.100 pés por hectárea. No cadro seguinte anótase o número de pés por hectárea que debería haber como media no momento da corta en parcelas de diferentes especies forestais, cando se destinan a produción principal de madeira de calidade como serra, desenrolo, chapa, vigas e outras estruturas.
Especie | Densidade polo menos 5 anos antes da corta final |
Bidueiro (Betula sp.) | De 250 a 350 pés/ha |
Carballo americano (Quercus rubra) | De 200 a 250 pés/ha |
Carballo do país (Quercus robur) | De 100 a 300 pés/ha |
Castiñeiro (Castanea sp.) | De 150 a 250 pés/ha |
Cerdeira (Prunus sp.) | De 50 a 100 pés/ha |
Chopo (Populus sp.) | De 200 a 400 pés/ha |
Eucalipto (Eucalyptus sp.) | De 100 a 150 pés/ha |
Freixo (Fraxinus sp.) | De 100 a 150 pés/ha |
Nogueira (Juglans sp.) | De 70 a 100 pés/ha |
Piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii) | De 200 a 300 pés/ha |
Piñeiro do país (Pinus pinaster) | De 200 a 400 pés/ha |
Piñeiro insigne (Pinus radiata) | De 200 a 500 pés/ha |
Pradairo (Acer sp.) | De 100 a 300 pés/ha |
Sequoia (Sequoia sp.) | De 50 a 200 pés/ha |
We use technologies such as cookies to improve the operation of the website and to collect anonymous usage statistics. By accepting cookies, you voluntarily accept the processing of your data. This also includes, for a limited time, your consent in accordance with Article 49 (1) (a) GDPR for data processing outside the EEA, for example in the USA. USA In these countries, despite a careful selection and obligation of service providers, the high European level of data protection cannot be guaranteed. If the data is transferred to the US U.S., there is, for example, the risk of the US authorities USA process this data with control and supervision fines without effective legal remedies being available or without being able to assert all the rights of the interested party. You can revoke your consent at any time.