Xornada técnica “Redeseñando o monte periurbano”
En outubro do ano pasado, o lume consumiu, nun só día, miles e miles de hectáreas arborizadas. As esceas de impotencia ante a ameaza dunhas chamas devastadoras foron a característica común en todos os incendios desa xornada, cunha importante repercusión mediática.
Tras esa catástrofe, aos propietarios e xestores afectados tócalles redeseñar o monte con novos criterios que permitan, sobre todo naqueles próximos a núcleos de poboación importantes, reducir o efecto do lume.
O 10 de novembro, a Asociación Forestal de Galicia organiza, dentro do proxecto BIOTECFORfinanciado polo Programa Interreg España-Portugal, unha xornada técnica en Vigo nas que se analizará o futuro do monte veciñal utilizando criterios de bioeconomía, concepto que pode definirse como “a produción baseada no coñecemento e utilización de recursos, procesos e métodos biolóxicos para proporcionar bens e servizos de forma sostible”. Polo tanto, trátase de crear un monte multifucional que, ademais de producir todos os recursos e externalidades que producen este tipo de montes (auga, paisaxe, biodiversidade, madeira, froitos, biomasa…), funcione como un axeitado sistema de defensa contra incendios.
Dentro dese novo deseño terán un papel relevante a creación de faixas protectoras que sirvan como soporte e apoio aos equipos de extinción na súa loita contra as chamas. Por iso, unha parte desta xornada dedicarase a falar sobre o seu deseño, configuración e tratamentos silvícolas a realizar nelas, expoñendo as conclusións dos estudos realizados polos investigadores co obxectivo de definir as características das que sexan máis efectivas contra o lume.
Por último, a política forestal terá unha especial relevancia en todo este proceso de transformación do monte que se sitúa na contorna de núcleos de poboación importante polo que resulta de suma importancia coñecer cales serán os criterios que se utilizarán á hora de desenvolvela e que estarán definidos no Plan Forestal de Galicia que se está elaborando.