Xornada sobre os servizos ecosistémicos
A Asociación Forestal de Galicia impartiu o xoves 25 de setembro unha xornada sobre servizos ecosistémicos no monte. A actividade desenvolveuse no concello de Mondariz, no Centro cultural de Mouriscados, no marco das actividades formativas programadas arredor do Monte Demostrativo de Mouriscados.
25 persoas atenderon ás explicacións de dous técnicos que abordaron a potencialidade de certificar os servizos ecosistémicos do monte, tales como conservación da biodiversidade, servizos recreativos ou conservación do solo e protección de cuncas hidrográficas.
Así, aqueles montes que asumen unha serie de compromisos ambientais, sometidos a auditorías, poden lograr unha certificación de servizos ecosistémicos, coa que teñen a oportunidade de captar recursos para apoiar a súa xestión.
Comentáronse as potencialidades e diversificación dos produtos que ofrecen os montes, poñendo exemplos dos servizos ecosistémicos certificados e as oportunidades de financiamento que poden supoñer para o monte.
Tamén se presentaron diferentes metodoloxías de inventariado de fauna e recursos hídricos.
Nas vindeiras semanas programarase unha xornada semellante no monte demostrativo de Castelo, no concello coruñés de Culleredo.

