Xornada sobre monte e saúde
O monte desempeña un papel fundamental na saúde das persoas. Tanto os paseos polo bosque coma o exercicio da silvicultura e o coidado do monte melloran o benestar das persoas que os practican.
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) abordou o venres 7 de febreiro as múltiples perspectivas da relación entre monte e saúde nunha xornada na que, da man de diferentes expertos, explicouse como o monte pode mellorar a saúde.
Neste sentido, fíxose fincapé en como o monte pode desempeñar un papel importante no avellentamento activo no seu papel como recurso social. Os traballos de silvicultura, a procura das estremas, a vixilancia contra incendios, pragas, vertedoiros ilegais…, son actividades que as persoas maiores poden facer dentro das súas posibilidades e que favorecen o sentimento de utilidade. Ademais, andar polo monte mellora a osixenación, importante para os sistemas respiratorio e circulatorio… e para o noso cerebro. Ter por costume andar polo monte resulta un sistema de prevención tanto respecto da nosa saúde como da do monte.
Tamén se tratou o potencial dos montes galegos como fornecedores de materias primas de gran importancia na medicina actual, na cosmética e na alimentación, aspectos que poden mellorar a renda dos propietarios forestais e contribuír a facer sostible a xestión dos nosos montes.
Rematouse falando da terapia coñecida como ‘baños do bosque’, que se está a practicar en numerosos países avanzados como xeito de reconectar coa natureza para reducir o estrés e mellorar o benestar.
Esta xornada organizouse dentro do proxecto BIOTECFOR, bionegocios e tecnoloxía para a valorización eficiente dos recursos forestais endóxenos no Norte de Portugal e Galicia, dentro do programa Interreg V España-Portugal (POCTEP) (2017-2019).
A xornada complementouse con dúas actividades no campo organizadas polo Instituto de Baños de Bosque, nas que un especialista deste Instituto acompañou ás persoas interesadas, que gozaron dunha sesión de baños de bosque no Monte demostrativo do Pico Sacro.