Visita aos montes de eucalipto da Coruña desde Queensland (Australia)
A comezos de xullo 2024, tivemos a oportunidade de recibir a Albert Kello, funcionario do Departamento de Agricultura e Pesca do Estado de Queensland, en Australia, que se encarga de xestionar os bosques estatais (maiormente naturais) formados principalmente por eucaliptos e outras frondosas.
Aproveitou unha viaxe privada por terras galaicas para facer unha visita forestal coa Asociación Forestal de Galicia e coñecer os montes de eucalipto galegos, que lle sorprenderon moi favorablemente, sobre todo pola elevada porcentaxe de árbores con fustes rectos e sen deformidades. “É como se ás especies globulus e nitens lles gustara máis Galicia e Portugal ca Australia”, comentou.
En Queensland os montes naturais estatais son xestionados por entresacas cada 20 anos aproximadamente, cortando as árbores de maior diámetro. Non está permitida a corta a feito. As superficies manexadas son de miles de hectáreas. Para menos de 500 os contratistas poñen pegas para facer os aproveitamentos. O Sr. Kello quedou sorprendido de que en Galicia se manexen propiedades dun par de hectáreas, e incluso menos.
Tamén observou o diferente aproveitamento que se fai do eucalipto en Galicia, para pasta de papel en quendas curtas, e en Queensland, para serra producindo madeira para a construción de vivendas, incluídos solos de alto valor estético. A especie predominante é Corymbia maculata, Corymbia citriodora (Eucalyptus maculata, Eucalyptus citriodora) pero tamén medran Callitris columellaris, Eucalyptus pilularis, Lophostemon confertus, Eucalyptus grandis, Eucalyptus paniculata, Eucalyptus camaldulensis, Eucalyptus saligna, Eucalyptus microcorys e Syncarpia glomulifera.
O Sr. Kello quedou moi agradecido pola oportunidade de unirse a unha visita co persoal e directivos da AFG aos montes de eucalipto da Coruña e para nós foi unha xornada moi agradable e enriquecedora.