Talleres formativos en liña e gratuítos para mellorar a xestión forestal e reducir o risco de incendios forestais
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) imparte, en colaboración co Instituto Tecnológico de Galicia (ITG) e a Deputación de Pontevedra, tres talleres formativos da iniciativa europea GEFRECON que ten como obxectivo reducir o risco de incendios forestais a través dunha xestión forestal conxunta.
Os talleres, de acceso libre previa inscrición neste enlace, realizaranse por Internet os vindeiros 20, 23 e 30 de novembro en horario de 10 a 11.45 h.
Acceso ao formulario de inscrición
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) explicará as claves para desenvolver os plans municipais de prevención e defensa contra incendios, e a Deputación de Pontevedra explicará as pautas para unha xestión circular de residuos forestais municipais, achegando a perspectiva do programa Revitaliza ao respecto.
Pola súa parte, o Instituto Tecnológico de Galicia (ITG) presentará as ferramentas web que facilitan a xestión forestal conxunta e que están dispoñibles na páxina web gefrecon.eu
- Ferramenta GIS para avaliar zonas con potencial de aproveitamento forestal, cuantificando a cantidade de biomasa forestal residual nunha área determinada, así como o custo da súa extracción e transporte.
- Ferramenta GEFINCAS, aplicación web que permite aos propietarios de parcelas darlles visibilidade para ser xestionadas ou adquiridas por un terceiro.
- HERRAMIENTOTECA, aplicación web que facilita a xestión compartida de maquinaria e facilitará a reserva de equipamento forestal compartido entre os usuarios dos proxectos piloto que se desenvolverán no marco do proxecto GEFRECON
Iniciativa europea transfronteiriza
A xestión de riscos relacionados co clima, e en concreto, a redución do risco de incendios forestais, é unha temática de gran importancia nos territorios transfronteirizos de España e Portugal. A iniciativa Gefrecon “Xestión forestal conxunta para prevención de incendios en territorio POCTEP” pretende dar resposta a este problema grazas a unha xestión forestal innovadora conxunta e á mobilización de poboación xeral, empresas e actores do territorio a través da sensibilización, información e formación.
Unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.