Sesión de traballo coa directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal
O 1 de xuño mantivemos unha xuntanza coa directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal para tratar diferentes asuntos relacionados coas agrupacións forestais de xestión conxunta.
Na reunión participou Xosé Covelo, director e Daniel Rodríguez, director económico da Asociación Forestal de Galicia, abordaron coa directora varias cuestións relacionadas coa tramitación administrativa das agrupacións.
Nestes últimos anos a AFG leva traballando intensamente para poñer en marcha varias agrupacións, xa que consideramos que son unha ferramenta interesante para evitar o abandono de moitas áreas forestais. En total entre agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) con base territorial e básicas, a AFG axudou a constituír 17 agrupacións e está traballando na creación doutras dúas.
Dentro dos instrumentos de mobilidade de terras dispoñibles en Galicia, as agrupacións forestais de xestión conxunta, supoñen un marco bastante axeitado para a xestión en común de espazos de minifundio forestal. Para a súa constitución deberían dispoñer dun mínimo de 10 ha de superficie, que pode estar en un ou varios perímetros de xestión conxunta, que son aquelas áreas onde a AFXC pode acreditar unha disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 % da superficie das terras incluídas dentro dos límites do perímetro.
Son numerosas as vantaxes dunha agrupación forestal, pero é preciso contar coa colaboración e a vontade inquebrantable das persoas propietarias que a queren constituír para que o proceso de creación, e logo de xestión, non supoña un esforzo sobrehumán das persoas promotoras que fagan fracasar o intento.

