Reunión do grupo focal do proxecto COMPÁS en Navia de Suarna
O 15 de outubro celebrouse a reunión do grupo focal “Herbivorismo pírico Ancares Lucenses” en Navia de Suarna, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa colaboración da Asociación Forestal de Galicia (AFG).
Unhas 30 persoas, entre gandeiros, técnicos forestais e investigadores, reuníronse para coñecer as experiencias sobre herbivorismo pírico do proxecto COMPÁS nos montes dos Ancares lugueses.
O herbivorismo pírico consiste na mellora de pastos realizada a través da queima controlada dunha masa arbustiva ou do sotobosque dunha masa arbórea seguida dun aproveitamento gandeiro dos rebentos.
A xornada do 15 de outubro incluíu unha presentación sobre os resultados da primeira reunión do grupo, onde se discutiron normativas relacionadas co lume, a xestión do gando e os programas de desenvolvemento rural.
O debate centrouse en buscar liñas de mellora da lexislación en vigor para poder fomentar o uso do herbivorismo pírico como unha ferramenta crucial para o mantemento sen riscos dos espazos forestais.
Pódese consultar máis información sobre o herbivorismo pírico neste enlace.
O proxecto COMPÁS está coordinado pola Universidade Pública de Navarra no que participan ademais a Asociación Forestal de Galicia (AFG), a Estación Experimental do Zaidín de Granada (CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Pastores polo Monte Mediterráneo.
COMPÁS conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.