Reunión coa directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal
A raíz dos cambios producidos a finais de 2025 nas direccións xerais de Planificación e Ordenación Forestal e na de Defensa do Monte, estanse mantendo as primeiras reunións de contacto coas novas persoas responsables destas direccións xerais.
Mércores 11 de febreiro unha delegación da Xunta de Goberno da AFG, xunto co seu director, mantiveron unha reunión de traballo coa directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o subdirector de Recursos Forestais.
Nesta xuntanza puxéronse enriba da mesa varios dos temas que neste momento preocupan máis ás persoas asociadas á Asociación Forestal de Galicia, entre outros:
- A necesidade de contar cun procedemento áxil e sinxelo para a declaración de masas gravemente afectadas pola banda marrón.
- A creación dun grupo de traballo para debater a normativa das plantacións de eucalipto.
- O estado da nova Lei de montes veciñais en man común e da norma que regulará os contratos de xestión pública.
- A actualización do rexistro dos actos de disposición nos montes veciñais.
- O apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta.
- A inclusión doutras especies de frondosas caducifolias no anexo I da Lei de montes.
- A reformulación das axudas á silvicultura e a posibilidade de abrir novas liñas de subvención.
O 10 de marzo está prevista outra xuntanza de traballo co novo director xeral de Defensa do Monte.

