Reunión coa conselleira do Medio Rural
Unha delegación da Xunta de Goberno da Asociación Forestal de Galicia, formada polo seu presidente e os tres vicepresidentes, reuniuse o 20 de maio coa recentemente nomeada Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez. Os obxectivos da reunión eran os seguintes:
- Presentar a AFG: estrutura, e representación en Galicia e no exterior, servizos que presta e principais actividades.
- Intercambiar criterios sobre as liñas estratéxicas de política forestal e as posibilidades de colaboración institucional
Na reunión abordáronse entre outros, algúns dos temas que máis preocupan neste momentos ás persoas propietarias e xestoras forestais:
Mellora da fiscalidade forestal.- Informouse sobre a proposta de mellora e a estratexia que a AFG está levando a cabo a escala nacional con COSE, a plataforma Juntos por los Bosques e varias organizacións ecoloxistas, para a que se solicitou o apoio da Consellería do Medio Rural.
Agrupacións forestais e asociacións de persoas propietarias forestais.- Informouse sobre as agrupacións forestais de xestión conxunta que a AFG está axudando a poñer en marcha e solicitouse unha liña de axudas específicas para as asociacións de persoas propietarias forestais.
Novas axudas aos montes de piñeiros e de frondosas para producir madeira de alto valor.- Comentouse a proposta da Fundación Arume de axudas ás plantacións de piñeiros e silvicultura das mesmas e avanzouse que a AFG presentará en breve unha proposta na mesma liña de axudas ás plantacións e silvicultura de frondosas.
Servizos ecosistémicos e absorcións de CO2.- Informouse á conselleira sobre a experiencia da AFG no mercado voluntario de CO2 e intercambiáronse opinións sobre os criterios para desenvolver con eficiencia o novo decreto da Xunta de Galicia.
Colaboración da Consellería de Medio Rural e a Unión de Silvilcultores do Sur de Europa (USSE).- Abordouse a importancia de que a Consellería se implique, ao igual ca noutras comunidades autónomas, Francia e Portugal, na nova asociación europea na que se transformará a actual USSE.
A Asociación Forestal de Galicia trasladou tamén á nova conselleira que nesta lexislatura sería moi necesario buscar un acordo institucional co sector sobre a moratoria do eucalipto, tendo en conta os dereitos das persoas silvicultoras. Tamén amosamos a nosa preocupación sobre o desenvolvemento da Lei de mellora da terra agraria, sobre todo no que respecta aos usos do solo rústico.
Á reunión, que foi moi cordial, tamén asistiu o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a AFG e a Consellería manifestaron o interese mutuo en seguir mantendo unha colaboración institucional fluída e fructífera.