Reunión co director xeral de Defensa do Monte
O pasado 23 de abril unha representación da Xunta de Goberno da Asociación Forestal de Galicia e o seu director técnico, mantiveron unha xuntanza co director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, a primeira desde o nomeamento deste.
Nesta xuntanza abordáronse varios asuntos de preocupación para as persoas propietarias forestais tales como a medición dos 50 metros de distancia nas redes secundarias de xestión da biomasa, que estimamos deberían ser medidos desde os paramentos das edificacións e non desde o límite de solo urbano. Inda que parece ser que é difícil que se modifique este criterio debido á confluencia coa competencia municipal.
Tamén se solicitou que se flexibilicen as normas de xestión de biomasa. Parece ser que se está mirando a posibilidade de utilizar criterios de xestión/non xestión en vez da altura do mato, a densidade ou a carga de biomasa como se emprega agora.
Falouse tamén das axudas á prevención de incendios, un tema de gran preocupación para nós. O director xeral avanzou que se está traballando para que se publiquen unhas bases xenéricas que sirvan para as convocatorias de 4 ou 5 anos seguidos e deste xeito poder axilizar a resolución das convocatorias anuais que estes anos pasados sufriron moito retraso. Tamén adiantou que este cambio seguramente non se produza ata o vindeiro ano.
AFG solicitou que se incluíse nas ordes de axudas financiamento para a os traballos de mantemento de pistas e control de acacias, así como para traballos en rexenerados naturais de coníferas e podas baixas. Quedouse en estudar a proposta, así como tamén a revisión dos baremos para que non saian sempre beneficiados os montes de gran superficie con menoscabo dos máis pequenos.
O director xeral avanzou que se está valorando a posibilidade de poder contar cunha liña de axudas para cambios de especie nas redes de xestión de biomasa, especialmente naquelas masas que teñan un sotobosque de frondosas caducifolias.
Tamén avanzou que está previsto poñer en marcha experiencias piloto no Baixo Miño en colaboración coas comunidades de montes veciñais para informar á poboación sobre o funcionamento do sistema de extinción, medidas de autoprotección, etc.
A delegación da AFG interesouse tamén polo estado da futura lei de prevención de incendios forestais, da que non se ten noticias desde hai tempo. O director xeral informou que están traballando nela, pero inda non se ten unha data prevista para a súa tramitación. O que si avanzou é que non teñen intención de facer máis consultas co sector.

