Resultados do Grupo Operativo Resinerxia
O 16 de xullo de 2024 tivo lugar no monte veciñal de Baroña, no concello coruñés de Porto do Son, unha xornada divulgativa para amosar as innovacións experimentadas dentro do Grupo Operativo Resinerxia, accións de cooperación para o desenvolvemento do sector resineiro.
Dentro deste grupo operativo buscouse definir o protocolo de resinado mecanizado máis eficaz, tratando de minimizar tempos de execución, maximizar a produción e evitar posibles erros.
Para isto establecéronse catro parcelas experimentais de diferentes conformacións, unha delas no monte veciñal de Baroña. O formato da proba deseñouse con dúas periodicidades diferentes, 15 e 35 días, e dúas pastas estimulantes que mellorasen a persistencia do estimulante no piñeiro e así conseguir un fluxo de produción máis amplo do que se viña considerando ata o momento. Este obxectivo dou como resultado unha evidente mellora na eficiencia, dado que se comprobou que é preferible levar a cabo menos picas con períodos máis longos, de entre 21 e 35 días, dependendo do piñeiral, ca un maior número de picas en campaña con períodos máis curtos. Tamén se melloraron tantos as ferramentas coma os funxibles empregados no proceso.
Con respecto á ferramenta, alixeiráronse, recortáronse e afiáronse as fresas, tamén se conseguiron trades máis potentes, obtendo mellores rendementos e menor consumo de batería, batería que agora se contempla levala nun chaleco, o que permitirá reducir viaxes para as recargas necesarias durante a campaña.
Outra novidade é que se integrou nun único módulo de resinación tanto o implante empregado ata o momento como a bolsa contedora de resina, simplificando a súa aplicación e tempos de execución drasticamente, duns 60 piñeiros á hora co material inicial, ata uns 100 piñeiros á hora co novo prototipo. Na etapa de remasa, recollida de bolsas cheas de resina, tamén se amosaron melloras evidentes ao contar cun tapón a presión e menos pezas que desensamblar. Todas estas novidades foron presentadas ás persoas que asistiron á xornada sobre a resinación o 16 de xullo.
Por outra banda dentro deste proxecto a Asociación Forestal de Galicia estimou o potencial de aproveitamento resineiro dos piñeirais galegos. Unha vez delimitado o territorio apto para a resinación, tendo en conta como especie principal Pinus pinaster, con árbores de diámetro a 1,3 m maior de 25-30 cm, cunha densidade mínima de 300 pés por hectárea, unha pendente do terreo menor do 45 % e boa accesibilidade. Feito isto, clasificouse o territorio en tres categorías segundo a pendente do terreo e o tipo de propiedade, dando como resultado o seguinte mapa:
Conclusións
- Calcúlase que existen en Galicia 71 658 ha con alto potencial resineiro e 16 301 ha con potencial medio para o resinado.
- Coas últimas técnicas estímase que unha persoa podería recoller 2 500 bolsas de resina por semana.
- A capacidade máxima de resinar de forma cíclica e regular dunha persoa é de 12 500 piñeiros, o que equivale a unha superficie media de 20 ha.
- Poderían xerarse máis de 4 000 empregos directos coa actividade resineira en Galicia.