Representantes da AFG trasladan as inquedanzas da propiedade forestal á conselleira do Medio Rural
Este luns 27 de outubro o presidente, o vicepresidente de Relacións Institucionais e o director da AFG mantiveron unha reunión de traballo coa conselleira do Medio Rural e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal.
Na xuntanza abordáronse entre outros, a modificación da normativa incluída no proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas deste ano.
Os representantes da AFG trasladaron as inquedanzas das persoas propietarias e xestoras forestais por algunhas das novidades previstas, nomeadamente pola modificación da coñecida “moratoria do eucalipto” e polos cambios que se pretenden introducir na clasificación dos terreos forestais, que provocarían que moitos terreos considerados neste momento como forestais, pasarían a ser agrícolas.
Trasladouse tamén á conselleira necesidade de ter datos ben avaliados do Inventario Forestal Continuo de Galicia para acabar coa especulación de superficies de especies forestais que se está dando no sector e na sociedade. Contar cos datos certos permitiría ter unha base sólida para poder tomar as medidas oportunas.
Asemade aproveitouse a ocasión para mostrarlle a nosa preocupación polo retraso en dispoñer do borrador de lei de prevención de incendios e da lei de montes veciñais.
Tamén se insistiu, unha vez máis en que as redes secundarias e criterios de xestión de biomasa deberían afectar os 50 metros contados desde os paramentos das edificacións.
A AFG interesouse tamén polas subvencións de prevención de incendios pendentes de aprobar e os contratos públicos de xestión de montes veciñais en man común.

