Remata con éxito o proxecto Forest-IN cun seminario final en Portugal
O proxecto Forest-IN co-financiado polo programa Erasmus+ promove a capacitación dos actores do sector forestal, os propietarios forestais. Cunha aprendizaxe mutua, en modelo horizontal na que o intercambio de experiencias de primeira man e a aprendizaxe práctica destacan como indicadoras do éxito do proxecto. Con este proxecto, pretendeuse incentivar aos propietarios e xestores forestais, así como aos seus representantes no sector a adoptar novas visións e prácticas sobre os recursos do territorio do que son gardiáns e coidadores, adaptándose aos desafíos máis urxentes aos que se enfrontan os bosques en Europa. En conxunto, o proxecto pretendía a participación de todos os axentes do sector forestal para involucralos activamente na protección dos recursos forestais e no cambio de mentalidades, cara a sustentabilidade. Coordinado por Carlos Fonseca, investigador do Departamento de Bioloxía e do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar da Universidade de Aveiro, o principal obxectivo do Forest-IN pretendeu explicar que facer silvicultura baseándose nos coñecementos máis actualizados e coas mellores prácticas forestais dispoñibles, é esencial, non só para o sector, senón para toda a sociedade.
O proxecto adoptou unha perspectiva inclusiva ao involucrar aos propietarios rurais, a miúdo descoidados e/ou esquecidos nos debates sobre a dimensión territorial e o monte, así como á Administración, as ONGs, a industria, a Academia e outros axentes relevantes do sector, incentivando ás entidades e aos cidadáns a comprender o poder dos silvicultores para mellorar o medio ambiente, a economía e mesmo a sociedade, poñendo en marcha pequenos e simples cambios na práctica silvícola.
O proxecto desenvolveuse ao longo dos tres últimos anos en Francia, Portugal e España. Entre outras actividades, fixéronse catro cursos para propietarios, xestores e técnicos forestais e outros profesionais, para os que se elaboraron contidos e técnicas orixinais para involucrar aos destinatarios nos temas de xestión forestal sostible e incentivalos a contribuír á protección da biodiversidade dos recursos (solo, auga, aire) e da economía forestal. Organizáronse tamén intercambios internacionais, nos que os propietarios, xestores e técnicos forestais e outras partes interesadas, tiveron a oportunidade de aprender máis sobre o contexto forestal local e sobre as prácticas silvícolas dos países visitados. A través de saídas de campo, debates, actividades prácticas e divertidas na natureza, os participantes tiveron un contacto persoal e introspectivo co monte e o territorio onde están, demostrando o papel que cada un pode ter no sector, e por extensión, nas súas comunidades e na protección dos valores naturais locais.
Ademais dos cursos Forest-IN, desenvolvéronse outros recursos como son un completo informe de investigación, un titorial de avaliación forestal e unha aplicación para móbil que permite acceder a recursos de aprendizaxe inmediata e eminentemente prácticos, que amosan accións e prácticas forestais axeitadas. Todos estes recursos e produtos irán poñéndose a disposición na páxina web do proxecto.
O 24 e 25 de xullo tivo lugar o seminario de clausura do proxecto Forest-IN na Universidade de Aveiro. O evento foi dirixido sobre todo aos propietarios e xestores forestais, así como ás súas organizacións representantes, e dun modo transversal, aberto á sociedade en xeral. Nel presentouse un programa diversificado abranguendo varias temáticas e puntos de vista: o silvicultor e a Administración pública, o silvicultor e a Academia, o silvicultor e as empresas do sector forestal, o silvicultor e as organizacións non gobernamentais e o silvicultor e a sociedade.
Xunto cos socios do proxecto e un grupo de convidados, foi posible, nun contexto internacional, expoñer e discutir realidades diferentes, comparando respostas dadas a problemáticas semellantes, en circunstancias socio-xeográficas distintas. Creouse así a oportunidade de compartir experiencias e respostas a cuestións relacionadas coa produción e a rendibilidade forestal, a mellora xenética, a xestión, as pragas e doenzas forestais ou o impacto ambiental (por exemplo, na biodiversidade), das actividades de xestión forestal e de protección do monte, así como o planeamento e ordenamento do territorio, poñendo sempre o foco no papel que desempeñan os propietarios e xestores forestais.
Resultados acadados
Despois da Conferencia final Forest-IN, inda resta a elaboración do informe final que comprenderá un resumo completo de todo o traballo desenvolvido, desde os obxectivos iniciais aos resultados concretos en cada país. Nel plasmarase o impacto positivo que o proxecto tivo en moitos participantes europeos, e o que se espera que continúe tendo a través do uso continuado dos recursos dispoñibles.
Algúns dos resultados do proxecto foron:
- Cinco accións de sensibilización e capacitación, cunha duración de 3 días (tres en Portugal, un en Francia e un en Galicia), nos que participaron máis de 600 persoas.
- Catro accións de formación, cunha duración de 5 días, nos que se formaron máis de 130 persoas.
- Unha páxina web, forest-in.eu, (plataforma de comunicación/divulgación e repositorio dos produtos xerados polo proxecto.
- Unha aplicación para móbil para a capacitación/aprendizaxe sobre xestión forestal sostible, incluíndo ferramentas prácticas e conceptuais, con contidos que van desde a política forestal á divulgación de boas prácticas.
- Unha ferramenta de aprendizaxe autónoma.
- Un informe técnico do proxecto e un informe para leigos para a diseminación do proxecto e dos seus resultados.
A divulgación foi concibida en varios planos de comunicación adaptados aos diferentes interlocutores e públicos. Contouse con dúas contas nas redes sociais (Facebook e Twitter), que foron visitadas e compartidas por aproximadamente cen mil persoas.
Para saber máis: www.forest-in.eu e info@forest-in.eu