Publicado o boletín nº 3 do proxecto COMPÁS
O proxecto COMPÁS publica o seu terceiro boletín de noticias, no que se recolle unha escolma dos traballos feitos nos últimos meses no proxecto.
Entre elas faise eco do minivideo que realizou a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Sabaxáns (Mondariz) sobre as queimas prescritas, tamén chamadas queimas controladas, para divulgar o uso desta ferramenta tan útil para a prevención de incendios e creación de pasto, sempre e cando se faga coas debidas precaucións.
Reséñanse as reunións dos grupos focais en Andalucía e Navarra para intentar conseguir unha lexislación máis acaída para que o herbivorismo pírico se poida implementar plenamente como unha ferramenta habitual para a creación de pastos en terreos forestais.
Recóllese tamén a reunión celebrada en Granada con profesionais do pastoreo e técnicos da Junta de Andalucía CSIC e a Asociación de Pastores por el Monte Mediterráneo para a difusión e promoción do herbivorismo pírico en Andalucía.
Pódese acceder ao texto completo deste terceiro boletín neste enlace.
O proxecto COMPÁS está coordinado pola Universidade Pública de Navarra no que participan ademais a Asociación Forestal de Galicia (AFG), a Estación Experimental do Zaidín de Granada (CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Pastores polo Monte Mediterráneo.
COMPÁS conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.