Por que plantamos o que plantamos e que deberiamos plantar? A perspectiva económica das decisións silvícolas
Daniel Rodríguez Cebreiro
Director económico da Asociación Forestal de Galicia
Cristina Verde Figueiras
Lévase moito falado (e criticado) sobre as decisións das persoas propietarias e xestoras dos montes privados galegos (de particulares e veciñais en man común) en canto ás especies arbóreas a plantar. Na opinión maioritaria da sociedade galega, a teor do que se fai público, considérase que as persoas propietarias e xestoras forestais só perseguen a rendibilidade económica dos seus montes, sen ter en conta outros aspectos da xestión forestal sostible.
Pero se se quere ser xusto á hora de opinar sobre esa xestión da propiedade forestal, deberían analizarse os instrumentos de ordenación cos que se xestionan eses montes, ou interrogar ás persoas xestoras sobre as súas inquedanzas á hora de afrontar os traballos a executar nas súas propiedades forestais. E aqueles que fagan ese labor prospectivo, probablemente chegarán á conclusión de que na meirande parte dos casos, á hora de redactar eses instrumentos de ordenación ou de elixir o modelo silvícola a aplicar por parte da persoa xestora do monte, non sempre é o aspecto económico o que máis se ten en conta, senón que a maioría das persoas propietarias déixanse levar máis ben por outras cuestións subxectivas ou emocionais, sen ter en conta que, para acadar unha xestión forestal sostible, é preciso que esta sexa economicamente viable. E é sobre este aspecto sobre o que se vai incidir neste artigo.
A xestión dos montes de particulares
No caso dos montes de particulares poderían agruparse as persoas propietarias, a grandes trazos, en tres grupos en función da xestión que levan a cabo:
- As que só teñen un criterio economicista puro e duro, grupo no que entrarían as que se centran na produción exclusiva de especies de crecemento rápido.
- As que teñen ese mesmo criterio economicista, pero que apostan pola diversificación de especies.
- As que se moven por un criterio máis sentimental ou medioambiental, que un asociado á Asociación Forestal de Galicia definiu como “románticas”, que son as que priman aspectos diferentes dos puramente económicos e que veñen sendo, en xeral, aquelas persoas que practican a silvicultura de frondosas caducifolias para a produción de madeira de calidade ou de froitos forestais, maiormente castaña.
A xestión dos montes veciñais en man común
Aínda que se mellorou moito neste aspecto ao longo dos últimos anos, o certo é que moitos dos instrumentos de ordenación cos que se xestionan os montes veciñais en man común aínda contan cunha planificación que carece dunha axeitada análise da súa viabilidade económica. En ocasións isto débese a que as persoas que redactan eses instrumentos de ordenación non teñen en conta que esa planificación que tratan de desenvolver pode que non contribúa a crear unha sustentabilidade económica do monte a longo prazo. Nestes casos, e tendo en conta os instrumentos cos que se conta na actualidade para facer esas simulacións, follas de cálculo, é unha magoa non dedicar algo de tempo a valorar se a distribución de masas que se propón para un determinado monte garante a súa viabilidade económica.
Noutras ocasións son as xuntas reitoras das comunidades de montes, ou as súas asembleas de persoas comuneiras, as que buscan converter o seu monte veciñal nun oasis de frondosas caducifolias, sen ter en conta o custo económico que supón o mantemento desas plantacións. Nestes casos, de non contar con especies de quendas máis curtas (ou outro tipo de ingreso) que axuden a financiar os traballos nesas masas de frondosas caducifolias, córrese o perigo de que o monte acabe nun estado de certo abandono que é o escenario máis negativo en caso de lume, xa que esas masas non xestionadas de forma axeitada alimentarán a voracidade das chamas.
Os montes abandonados
Unha parte cada vez maior das persoas propietarias ou xestoras forestais (sobre todo de montes de particulares, pero tamén dalgún monte veciñal) xa non ven máis perspectiva ca a de ter as súas propiedades forestais “a monte”, sen facer ningún tipo de xestión. Dependendo de onde se sitúen eses montes, en ocasións esa xestión máis deficiente (ou inexistente) convértese nunha grave ameaza, tanto para os montes xestionados de forma sostible da súa contorna, como para a sociedade civil que vive ao seu carón. Este abandono resulta máis doloroso para a sociedade no caso de que eses montes se atopen en áreas onde se levou a cabo unha concentración parcelaria, ao converter en inútiles investimentos públicos millonarios.
Cando se teñen sen xestionar montes de elevada produtividade, como son moitos dos montes galegos, a oportunidade perdida é máis lamentable. Se se pregunta polas causas dese abandono a quen o practica, seguramente esgrimirá razóns como a falta de diñeiro para investir no monte, a pequena dimensión dos predios que non os fan rendibles, a falta de compradores do produto obtido, a falta de tempo para atendelos, o desánimo que produce ver como un lume bota polo chan o traballo de anos nunhas poucas horas, ou o descoñecemento da situación exacta das súas propiedades…
Pero a día de hoxe, a sociedade galega dispón de ferramentas que poden frear ese proceso, podendo reverter esa tendencia no caso de profesionalizar unha actividade, a forestal, que de xeito habitual, por ser unha actividade complementaria a outra principal, nunca acadou un papel protagonista para os seus titulares.
A figura das agrupacións forestais de xestión conxunta, na que se flexibilizaron os seus requirimentos, de forma que se permite un mellor axuste á realidade das persoas promotoras e á de cada territorio, pode ser unha vía para poñer a producir eses montes abandonados, axudando a mellorar o benestar da sociedade que habite na súa contorna. Isto, unido a unha fiscalidade máis acaída, debería permitir que chegasen fondos económicos ás explotacións forestais, dotando esas agrupacións dun músculo financeiro que lles permita completar os modelos silvícolas que se prolongan durante décadas.
Como ordenar e xestionar un monte con criterios de sostibilidade económica
Certo que non todas as decisións na vida teñen que tomarse en función dunha análise economicista. Se así fora, tal vez moitas persoas non terían fillos, nin comprarían casa ou coche, nin irían de viaxe ou de veraneo, ou incluso algunhas non serían socias da Asociación Forestal de Galicia, por exemplo, pero tamén é certo que, sobre todo no caso das persoas propietarias particulares, as vantaxes emocionais que pode ter o traballo ao ar libre, ver medrar as árbores, ou obter unha colleita dos froitos pode implicar un benestar e unha satisfacción que é difícil de valorar economicamente.
Aínda así, no caso da xestión forestal, sobre todo nas superficies de maiores dimensións que non conten con moitos recursos ou rendas recorrentes, obviar as consecuencias económicas das decisións silvícolas, pode levar a situacións de abandono. E é por isto que, con toda a incerteza que poden xerar as longas quendas de corta das especies forestais, propóñense a continuación certos criterios que convén ter en conta á hora de tratar de xestionar un monte:
- Existen múltiples factores que inciden na rendibilidade esperada, non dependendo só da produtividade do terreo onde se vaia instalar a masa. En moitos casos resulta máis importante o nivel de mecanización da parcela ou a axeitada elección da especie.
- Tampouco convén que as decisións en materia de planificación forestal se adapten exclusivamente ás subvencións, xa que pode derivar en que, o que se ingresa vía subvención, poida perderse en produtividade e nun maior custo de explotación.
- Ninguén nos pode garantir que as subvencións de hoxe estean en vigor cando toque volver plantar de novo, polo que se fai esencial que os ingresos futuros permitan volver repetir o modelo silvícola aplicado, ademais de darlle o merecido retorno económico á persoa que desenvolve esa actividade e que arrisca o seu capital.
- Un prezo elevado dun determinado tipo de madeira na actualidade non nos garante que cando cortemos obteñamos un prezo semellante. Convén escapar de modas ou escaladas de prezos puntuais, e fixarse máis nas tendencias e nas perspectivas de futuro do uso desa madeira, xa que unha maior ou menor demanda terá un impacto moi importante no prezo.
- A relación oferta-demanda é a que marca o prezo, polo que de nada serve que teñamos unha madeira de moita calidade ou con grandes crecementos, se logo a cadea de subministro non vai permitir poñer esa madeira no mercado. Non convén deixarse levar polas informacións que falen do rendemento dunha ou outra especie en lugares afastados, xa que non é bo ter unha porcentaxe elevada da superficie ocupada por especies “non demandadas” no mercado local, que poden acabar obrigándonos a vendelas como leñas, con prezos sensiblemente inferiores aos previstos.
- Hai que ter en conta que a silvicultura non conta coa flexibilidade que contan outras actividades do sector primario. Un silvicultor que se equivoca non se decatará ata varios anos despois, e tras facer unha parte importante do investimento necesario. Resulta esencial na actividade silvícola “acertar á primeira”.
- O aproveitamento do rexenerado natural, en caso de que este sexa vigoroso, é a mellor opción posible, xa que estaremos usando unha planta xa adaptada ao noso terreo, os custos adoitan ser menores e, o que aínda é máis importante, retrasa o momento dos investimentos ao ter que facer os primeiros traballos tres ou catro anos despois da corta, e non ao ano seguinte.
- Os cambios de especie son moi custosos no caso de que a especie previa teña bo rexenerado natural, e deben planificarse tendo en conta a repercusión que este sobrecusto terá na viabilidade económica do resto do monte.
- O mantemento de pistas e as súas marxes non debe verse como un gasto, senón un investimento, porque facilitará o acceso ao monte para levar a cabo a súa xestión; reducirá os custos de corta e saca, e polo tanto recibiremos un maior prezo pola venda de madeira en pé e, sobre todo, porque resulta crucial en caso de producirse un lume, xa que permite o acceso aos equipos de extinción, dándolles un escenario máis seguro onde poder desenvolver o seu traballo.
- Rozas continuas no mato non garanten que o monte non arda. Pola contra, e sobre todo nos montes de menos nivel de mecanización, de non contar con recursos recorrentes, pode propiciar que se acaben desatendendo no futuro outros aspectos cruciais para a defensa do monte, unha vez se esgoten os fondos. Chega unha determinada idade na masa forestal, que dependerá da especie plantada, na que non será necesario facer novas rozas xa que a árbore “auto xestiona” a biomasa do arredor. Pretender ter un xardín é un luxo que poucos xestores forestais se poden permitir.
- As taxas de retorno (rendibilidades) das plantacións forestais son baixas como consecuencia do gran número de anos que é necesario esperar para recuperar o investimento. Por iso, situar as masas con quendas de corta menores nas áreas máis mecanizables parece o máis axeitado, de forma que aqueles modelos silvícolas que máis veces se van repetir teñan os menores custos posibles.
- Seguindo co argumento anterior, as masas de carácter protector (destinadas a fornecer servizos ambientais) deberían instalarse nas áreas menos mecanizables do monte, tendo en conta que, se as enfermidades e os lumes o permiten, só será necesario desenvolver o modelo silvícola unha soa vez. Así conseguimos deixar a superficie con menor custo de explotación para as especies que se cortarán de xeito recorrente no tempo.
Aínda que a aplicación dos criterios anteriores non garante con total seguridade acadar todos os obxectivos, si que irán contribuíndo a unha mellora progresiva da saúde financeira do monte para garantir a súa viabilidade económica e, derivado disto, o poder desenvolver unha xestión forestal sostible.
E xa para rematar, convén non esquecerse de que a natureza é a nosa aliada en todo este plan de viabilidade porque máis pronto ou máis tarde, será ela a que tome o relevo na xestión, permitíndonos pasear polo noso monte observando como todo “está en equilibrio” e como se van reducindo os custos.