PLANFORLAB: Viaxe técnica ao País Vasco e Aquitania
No marco do proxecto PLANFORLAB, Rede de bosques laboratorio con planta mellorada para aumentar a resiliencia e a produción nos montes de coníferas, unha decena de técnicos e investigadores do grupo operativo realizaron unha viaxe ás Landas francesas para coñecer diversas experiencias con plantacións de coníferas en bosques de experimentación. Por parte da Asociación Forestal de Galicia participaron nesta actividade Francisco Dans e Julio Ruiz.
Previamente tivo lugar un seminario técnico no País Vasco e tamén unha visita ao monte laboratorio que se vai instalar nesta rexión ao igual ca en Galicia e Castela-León.
Nas Landas visitouse a unidade experimental forestal do INRAE (Instituto Nacional de Investigación para a Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente) situada en Pierroton. Neste centro, o INRAE dispón de amplas superficies forestais con distintos dispositivos experimentais, entre eles a plataforma Xylosylve que, entre outras, avalía comparativamente oito itinerarios silvícolas de produción de madeira e biomasa. Nesta visita, o grupo operativo interesouse especialmente polos distintos equipamentos e sistemas de seguimento de datos biolóxicos, bioxeoquímicos e biofísicos que de forma continua se recompilan destes ecosistemas.
En Pierroton tamén se visitaron experiencias sobre mellora xenética de Pinus pinaster, comparativas de procedencias e hibridacións interprocedencias, especialmente orientadas a buscar a maior calidade das árbores e a sostibilidade fronte os riscos de cambio climático.
Para completar a viaxe, visitouse o viveiro forestal Forelite da cooperativa de servizos forestais Alliance Forêts Bois, especializada en planta mellorada de Pinus pinaster e tamén outras coníferas, que chega a producir 20 millóns de plantas ao ano.
Esta viaxe do grupo operativo a Francia foi verdadeiramente produtiva e interesante, proporcionando ao proxecto PLANFORLAB experiencias que permitirán mellorar a concepción da rede de bosques laboratorio nas tres rexións do proxecto: Galicia, Castilla e León e País Vasco.
O proxecto PLANFORLAB está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA). A Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das anteditas axudas. Orzamento total do proxecto: 599 134,22 €. Subvención total: 599 134,22 €.