O proxecto PLANFORLAB no IX Congreso Forestal Español
O proxecto PLANFORLAB, Rede de bosques laboratorio con planta mellorada para aumentar a resiliencia e a produción nos montes de coníferas, estivo presente no pasado 9º Congreso Forestal Español celebrado en Xixón entre o 16 e o 20 de xuño. Este Congreso é o maior evento de ciencia e investigación forestal en España, celebrándose cada catro anos en distintas cidades do país. Nesta edición participaron máis dun milleiro de persoas investigadoras, técnicas, propietarias forestais e responsables políticos baixo o lema “A intelixencia forestal, impulsora de alianzas nos territorios”.
A Asociación Forestal de Galicia participou no congreso na persoa do técnico Julio Ruiz, que acompañou e defendeu ol poster exposto do proxecto PLANFORLAB, que de forma sintética informa do traballo que está realizando este grupo operativo e os resultados previstos. O poster estivo exposto toda a semana de duración do Congreso adscrito á Mesa Temática de Xestión.
O proxecto PLANFORLAB está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA). A Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das anteditas axudas. Orzamento total do proxecto: 599 134,22 €. Subvención total: 599 134,22 €.


