Os propietarios forestais manteñen as cortas de madeira durante a pandemia, cunha facturación de 222,5 millóns de euros
O monte en Galicia demóstrase unha vez máis como un sector resiliente ás cíclicas crises. Durante a pandemia da Covid-19, os propietarios forestais de Galicia mantiveron as cortas nun volume similar ao ano anterior e lograron unha facturación de 222,5 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados a partir dos datos de cortas da Consellería do Medio Rural.
Fóra dos primeiros meses de confinamento, que frearon a actividade de toda a cadea da madeira, comunidades de montes e propietarios particulares mantiveron a xestión do monte dun xeito similar a outros exercicios, continuando cos traballos silvícolas, accións de prevención de lumes, plantacións e cortas habituais.
A facturación total por venda de madeira en 2020 ascendeu a 222,5 millóns de euros, dos que 157,4 millóns corresponden ao eucalipto e 65,1 millóns ao piñeiro, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia. En comparación co 2019, a facturación dos propietarios baixou un 8,5 %, principalmente pola baixada de prezo do eucalipto, en tanto o piñeiro se mantivo en cifras similares ós últimos anos.
Por comarcas, a de maior facturación para os propietarios forestais é a de Bergantiños – Mariñas Coruñesas, con 31,2 millóns de euros ingresados por vendas de madeira no 2020. Séguenlle Ferrol – Ortegal, con 29,7 millóns de euros, e a Mariña lucense, con 29,6 millóns de euros.
Por especies, Ferrol – Ortegal lidera a facturación en eucaliptos (27,2 millóns de euros), seguido da Mariña lucense (26,2 millóns) e Bergantiños – Mariñas Coruñesas (26). En piñeiro, destaca a comarca de Lugo – Sarria, con 11,6 millóns de facturación en coníferas, seguido da Terra Cha (7,3 millóns de euros) e da Fonsagrada – Ancares (6,2 millóns de euros).
En canto ás frondosas caducifolias, non é posible precisar datos fiables de facturación, xa que supoñen menos dun 3 % das cortas comerciais de Galicia e ademais, presentan diversidade de especies e calidades. O principal aproveitamento das frondosas continúan a ser as leñas domésticas.