Os propietarios forestais europeos discrepan da Estratexia Forestal Europea 2030
As principais organizacións do sector forestal a escala europea, entre elas a Unión de Silvicultores do Sur de Europa (USSE) e o CEPF (organizacións ás que pertence a Asociación Forestal de Galicia), veñen de asinar un documento no que rexeitan a nova Estratexia Forestal Europea para 2030 que se dou a coñecer o pasado 16 de xullo e que pretende adoptarse este ano 2021. O documento acordouse o pasado 4 de outubro nunha xuntanza que tivo lugar en Viena. Nesta xuntanza asinouse unha declaración conxunta e outro documento onde se manifesta a posición dos propietarios e xestores dos bosques europeos.
A nova estratexia prima a función medioambiental dos montes europeos sobre a económica e social poñendo en perigo a propia viabilidade dos montes que se manteñen grazas aos coidados dos seus propietarios.
Asemade, esta nova Estratexia Forestal Europea suxire que a xestión forestal sostible que se está levando a cabo nos montes europeos non é a axeitada, en contra dos datos que ofrecen, entre outros, o informe sobre o estado dos bosques en Europa. Na nova estratexia tampouco se contempla a importancia económica dos montes, é unha estratexia moi vencellada á Estratexia da biodiversidade da UE pero que non contempla outras estratexias europeas como son as bioeconomía, a industrial e a directiva sobre enerxías renovables.
O que se espera é que se adopte unha estratexia, concreta, sen vaguidades, que sirva como instrumento político central para apoiar e promover a xestión forestal sostible, recoñecendo á súa vez o papel clave dos propietarios e xestores forestais, facendo clara referencia á mesma relevancia dos seus tres piares: económico, medioambiental e social.
Entre outros, solicítase que se recoñeza o importante papel dos silvicultores europeos na conservación dos montes, que se permita a produción sostible de madeira, que se financien os servizos ecosistémicos que fornecen os montes, que se recoñeza a competencia técnica e a experiencia sobre o terreo que teñen os propietarios e xestores forestais e que se recoñeza o dereito a dispoñer libremente das propiedades forestais privadas.
Sen políticas claras e concretas que avalen e recoñezan o papel dos propietarios e xestores forestais europeos, estratexias coma esta é imposible que acaden os resultados que esperan.
Pódese consultar o texto orixinal da Declaración de Viena neste enlace e neste outro a súa tradución ao casatelán.
Pódese consultar o texto da posición dos propietarios e xestores forestais europeos neste enlace.