Os propietarios forestais de Galicia facturaron 285 millóns de euros pola venda de madeira en 2024
O mercado da madeira mantense estable en Galicia, cun volume de cortas no ano 2024 semellante ao do anterior exercicio. En total, cortáronse 9,1 millóns de metros cúbicos en montes privados (particulares e montes veciñais), cunha facturación de 285 millóns de euros para as persoas propietarias, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia.
Galicia lidera a produción nacional de madeira, seguida moi de lonxe por Castela e León e polo País Vasco que cortan 3,5 e 2 millóns de metros cúbicos respectivamente.
A diferenza doutras rexións, convén lembrar que o 98 % da madeira cortada en Galicia, corresponde a persoas propietarias de montes privados (comunidades de montes e particulares), en tanto o restante 2 % procede de montes de xestón pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración.
Do total de facturación das persoas propietarias de montes galegas, 167,2 millóns de euros corresponden ao eucalipto, 112,9 millóns de euros aos piñeiros e 5,1 millóns de euros ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual na industria da madeira.
En volume de cortas, o eucalipto concentrou un 58 % das cortas da comunidade, con 5,3 millóns de metros cúbicos, o que representa unha leve baixada, fronte aos 5,6 millóns de metros cúbicos do 2023. En piñeiro, que representa un 39 % das cortas, a situación é a inversa, as cortas pasaron de 3,2 a 3,5 millóns de metros cúbicos. Son cambios que entran dentro das oscilacións lóxicas de mercado, en función da conxuntura de demanda, prezos e decisión de corta das persoas propietarias.
As frondosas, pola súa banda, continúan sendo residuais, con 254 000 metros cúbicos, un 3 % do total de madeira extraída do monte.
Datos por provincias
Os montes da Coruña achegan o 44 % das cortas totais de madeira en Galicia. Segue Lugo, co 38,5 %; Pontevedra, co 13 %; e Ourense, con pouco máis do 4 %.
Por especies forestais, o 60 % do eucalipto córtase na provincia da Coruña, en tanto Lugo é líder autonómico en cortas de piñeiro, con máis da metade do total.
Pontevedra e Lugo, destacan polo equilibrio de cortas entre piñeiro e eucalipto, pois Lugo ten algo máis dun 54 % de cortas de piñeiro, un 42 % de eucalipto e un 3 % de frondosas. En Pontevedra, as cifras son moi similares, co liderado neste caso do eucalipto: un 50 % de cortas de eucalipto e un 47 % de piñeiros, cun 3 % de frondosas.
No caso da Coruña, as cortas de eucalipto representan un 78 % do total, o 19 % o piñeiro e un 3 % as frondosas.
En Ourense, unha provincia con escasa actividade forestal, o piñeiro representa o 77 % das cortas e séguenlle as frondosas co 14 %, e o eucalipto, especie pouco apta para esta provincia, co 9 % das cortas.
Os piñeiros
As cortas de piñeiro en Galicia repártense case que ao 50 % entre o piñeiro do país e o piñeiro radiata, entre ambas especies sosteñen a industria galega do aserrado e do taboleiro, cunha participación testemuñal do piñeiro silvestre e doutras coníferas.
As vendas de piñeiro do país (Pinus pinaster) teñen unha importante concentración en montes particulares da provincia da Coruña e en montes veciñais do sur de Pontevedra e da Terra de Lemos.
En relación co piñeiro radiata, Lugo concentra a maioría das cortas desta especie, destacando os tres distritos líderes en Galicia en cortas de piñeiro: Lugo-Sarria, Terra Chá e A Fonsagrada-Ancares. Entre os tres distritos suman 1,3 millóns de metros cúbicos de cortas de piñeiros, preto do 40 % do total galego.
É de subliñar un aumento de cortas de coníferas dun 20 % no último ano no distrito da Fonsagrada-Ancares, unha situación conectada en parte co impacto que está a ter a enfermidade das bandas en determinadas zonas da provincia de Lugo.
Os eucaliptos
Os tres distritos forestais líderes en cortas de eucalipto están na Coruña (Santiago-Meseta interior, Ferrol e Bergantiños-Mariñas coruñesas). Salienta o caso de Santiago-Meseta interior, que se sitúa por primeira vez como o distrito líder en facturación de eucalipto.
O ascenso das cortas no distrito forestal de Santiago-Meseta interior está ligado co aumento de cortas de eucalipto nitens, debido ás plantacións feitas nas últimas dúas décadas que van entrando progresivamente en quenda de corta no período actual.
Se en Santiago-Meseta interior, máis de dous terzos do eucalipto cortado corresponde ao nitens, unha situación semellante á da Terra Chá lucense, nas zonas costeiras, polo de agora, a situación é máis equilibrada, con arredor de dous terzos das cortas que aínda son de eucalipto glóbulus.
Prezos da madeira
Logo dun ano excepcional de mercado no 2022, con alta demanda e prezos, o 2023 e o 2024 confirman unha tendencia de regreso á estabilidade en ambas, se ben nas coníferas se mantén parte da revalorización que experimentaran no 2021 e 2022.
En concreto, os prezos medios de piñeiro continúan un 25 % por riba dos de hai cinco anos, porcentaxe que aumenta na madeira de maior calidade. O piñeiro ten un prezo medio de 31,9 €, pero un 40 % da madeira de coníferas véndese a prezos de entre 42 e 65 €/m3 (prezo en pé sen IVE).
O eucalipto, entre tanto, mantense en prezos semellantes á media dos últimos anos, cun leve repunte no segundo semestre do pasado ano, situándose o seu prezo medio anual en 31,4 €/m3 (prezos en pé, sen IVE e con casca).
Hai que lembrar que nos prezos da madeira inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca.
Multifuncionalidade do monte
A maiores do percibido pola venda de madeira, as persoas propietarias forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogomelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (como venda de dereitos de carbono), entre outros.
Todos estes ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. Cómpre subliñar que a madeira e os restantes aproveitamentos son un recurso renovable, pois as persoas propietarias forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso.