Os propietarios forestais de Galicia aumentan a facturación un 40 % nos últimos dous anos
O mercado da madeira en Galicia atravesa un dos mellores momentos das últimas décadas, como confirman os datos de facturación do sector. Os propietarios forestais galegos facturaron no último ano 348 millóns de euros, o que supón arredor dun 40 % máis que hai dous anos e un 20 % máis ca hai un ano, segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados a partir das estatísticas de corta da Consellería do Medio Rural.
Do total da facturación, 192,7 millóns de euros corresponden ao eucalipto, 149 millóns ás coníferas e 6,5 millóns ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan tendo un aproveitamento residual para a industria.
A mellora da facturación explícase por un dobre motivo encadeado. A suba do prezo da madeira en monte levou a un aumento das cortas. Ao pagarse máis a madeira, cortouse máis.
Aumento das cortas
En cifras, o aumento de cortas nos últimos dous anos superou o 17 %, chegándose no 2022 a 10,7 millóns de metros cúbicos cortados, dos que un 58 % corresponden a eucalipto (6,2 millóns de metros cúbicos), 4,2 millóns a piñeiros (39 %) e 300.000 metros cúbicos a frondosas caducifolias (3 %).
O aumento do volume de cortas foi parello no último ano en piñeiros e eucalipto, con arredor dun 11 % máis en ambas especies. É un incremento que se explica de xeito principal polos bos prezos do mercado, se ben tamén hai que ter en conta que nos últimos meses do ano houbo un aumento da saca de madeira afectada polos grandes incendios forestais do verán.
A práctica totalidade das cortas (98 %) corresponden a propietarios privados (comunidades de montes e propietarios particulares), mentres o outro 2 % é de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración.
Aumento da facturación
En facturación, os ingresos para os propietarios forestais no 2022 aumentaron especialmente nos piñeiros, pois os 149 millóns facturados pola venda de coníferas supoñen un 50 % máis ca a media dos últimos tres anos. En eucalipto, a facturación do 2022 foi de 192 millóns de euros, a mellor desde o 2018, cun aumento dun 11 % en relación á media dos últimos tres anos.
Os cálculos de facturación correspóndense a ingresos por madeira en pé, con casca e sen incluír o IVE.
Distribución provincial
As dúas provincias con maior peso económico no sector seguen a ser A Coruña e Lugo, que en conxunto aglutinan as tres cuartas partes das vendas de piñeiro e máis do 85 % das de eucalipto. Por comarcas, Santiago-Meseta interior lidera as vendas de eucalipto; en tanto Lugo-Sarria é líder en vendas de piñeiro e de frondosas.
Prezos do piñeiro
A pesar do aumento de custos pola suba dos combustibles, os prezos da madeira de piñeiro manifestaron un lixeiro incremento no primeiro semestre do ano, mantendo a tendencia apreciada xa durante 2021. Sen embargo, no cuarto trimestre o mercado parece estabilizarse.
En rolla de calidade media de piñeiro, o prezo sitúase no arco de 35 a 60 €/mc (madeira en pé sen IVE), prezos máis altos no sur de Galicia, mentres a rolla selecta, con diámetros superiores a 40 centímetros, se move nos 66-71 euros e o puntal para trituración rolda os 20-25 €.
Prezos do eucalipto
O mercado do eucalipto experimentou unha lixeira suba ao longo do ano pola mellora dos prezos da pasta de papel, atopándose nunha situación de moi bos prezos (os máis altos nos últimos 15 anos). O prezo do eucalipto glóbulus sitúase na actualidade nos 35 €/mc (madeira en pé sen IVE e con casca), mentres o nitens está arredor dos 30 euros. Nos prezos inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para a corta e saca da madeira.
Multifuncionalidade e manexo sostible dos montes galegos
A maiores do percibido pola venda de madeira, os propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogomelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (venda de dereitos de carbono), entre outros.
Todos estes ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. Así, por exemplo, cómpre subliñar que os propietarios forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso. Tamén hai que salientar o incremento da superficie forestal certificada que nos sitúa á cabeza de España en número de montes certificados e a segunda comunidade autónoma en superficie forestal certificada.