Os propietarios forestais comprométense na mellora da xestión sostible dos montes de eucalipto
A Asociación Forestal de Galicia, PROMAVI e Promagal organizaron en Viveiro unha reunión de asociacións de propietarios forestais (PROMAS) da Mariña para abordar o futuro da especie no marco da bioeconomía. Na reunión, constatouse o compromiso dos propietarios forestais na mellora da xestión dos montes de eucalipto, coa mellora da súa biodiversidade e do seu manexo, para así reforzar os servizos ambientais que xa prestan.
O acto serviu tamén para presentar o informe forestal do eucalipto en Galicia e na Cornixa Cantábrica, editado pola Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE). O documento avala que a xestión sostible do eucalipto representa unha oportunidade nas zonas húmidas da Península Ibérica, no marco da bioeconomía, pois a especie proporciona unha materia prima renovable que, ambientalmente, presenta especial interese para mitigar o cambio climático.
O informe subliña que os montes de eucalipto aportan á contabilidade de CO2 de España a fixación de arredor de 65,2 millóns de toneladas de carbono, das que máis da metade corresponden a Galicia. A especie destaca por ser unha das que máis carbono absorbe da atmOsfera, pois por exemplo, nos seus primeiros 20 anos, un pé de eucalipto capta oito veces máis carbono ca un carballo, segundo os datos do Ministerio de Transición Ecolóxica.
A esta capacidade súmase o feito de que os materiais derivados do eucalipto (madeira, papeis, fibras, etc.) substitúen a produtos de orixe fósil, como os plásticos, o formigón ou o aceiro, cunha pegada de carbono superior, como se detalla no informe.
Unha terceira cuestión ambiental a ter en conta é que o consumo de madeira europea contribúe a reducir a potencial importación de deforestación de países do Sur, pois mentres Europa é un continente que continúa aumentando as súas masas forestais de xeito progresivo, garantindo o seu aproveitamento sostible, o manexo forestal noutros continentes carece desas garantías.
Conclusións do informe
O informe forestal do eucalipto en Galicia e na Cornixa Cantábrica centrouse en sintetizar os datos científicos dispoñibles sobre o eucalipto, procedentes de multitude de publicacións científicas das últimas décadas. Esa análise repasa todas as cuestións candentes (eficiencia da especie no uso da auga, biodiversidade, solo, incendios, etc.) e permite concluír que unha xestión sostible do eucalipto ten efectos positivos sobre o medioambiente. Desmóntanse así numerosos mitos que existen sobre a especie.
En concreto, o informe analiza a sostibilidade do eucalipto en diferentes eixos:
- Sostibilidade ambiental. O manexo das plantacións de eucalipto é compatible coa conservación da biodiversidade. En Galicia e noutras comunidades autónomas do Norte peninsular, os bosques de frondosas caducifolias medraron en paralelo á expansión do eucalipto. Só en Galicia, no periodo 1997-2009 (entre os dous últimos Inventarios Forestais Nacionais), a superficie de frondosas caducifolias aumentou un 10 % (+ 42.000 hectáreas), principalmente en Ourense e no interior de Lugo e Pontevedra. O mesmo sucedeu noutras comunidades, coma o País Vasco, onde medrou a superficie de frondosas un 12 %. Cómpre lembrar que en Galicia, por lei, xa estaba prohibida antes da actual moratoria a substitución de masas de frondosas caducifolias por eucalipto.
- Sostibilidade económica e social. Máis de 150.000 propietarios galegos e comunidades de montes cultivan eucalipto. As cortas de eucalipto, que acadan na comunidade 5,6 millóns de metros cúbicos (1 millón destas toneladas na Mariña lucense), representan uns ingresos de arredor de 162 millóns de euros. Calcúlase que o eucalipto dá emprego directo a arredor de 4.800 persoas en Galicia.
Compromisos dos propietarios
O informe forestal sobre o eucalipto desmonta o mito sobre os supostos riscos asociados á especie e centra a cuestión: o risco non é a especie, senón a falta de xestión do monte ou un mal manexo técnico. Por iso, as asociacións de propietarios forestais están comprometidas en optimizar o seu cultivo, integrándoo en paisaxes rurais máis resilientes aos incendios e aos riscos asociados ao cambio climático.
Unha aposta clara a partir de agora vai ser a combinación de plantacións de eucalipto con franxas de frondosas caducifolias alí onde tecnicamente sexa aconsellable (valgadas con regatos, contornas de vivendas e núcleos de poboación, proximidades de vías de comunicación, etc.), así como o respecto ás necesarias distancias de plantación que marque a lexislación en cada momento.