Os propietarios forestais avogan por unha revisión da normativa de prevención de incendios que mellore a seguridade pública
A Asociación Forestal de Galicia, que celebrou hoxe en Forcarei a súa XXXIII Asemblea Xeral, acordou unha serie de propostas para a revisión da normativa de prevención de incendios. Os propietarios forestais avogan por unha normativa realista, que sexa posible aplicar na práctica, e que sirva para mellorar a seguridade pública. Ao longo dos próximos meses, a Asociación Forestal de Galicia contactará co resto de entidades da cadea da madeira para desenvolver propostas de consenso.
A actual normativa autonómica de prevención de incendios presenta eivas claras que cómpre corrixir. Unha delegación da Asociación Forestal de Galicia mantivo o 29 de maio unha reunión co director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, para avanzarlle a necesidade de cambios, unha cuestión na que estivo de acordo Fernández-Couto, que comprometeu unha próxima revisión da normativa.
Un dos principais problemas radica na magnitude das cortas e rozas que esixe a actual Lei na contorna de vivendas e núcleos de poboación, nas chamadas redes secundarias de xestión da biomasa. Só por esas redes secundarias sería precisa a corta do arborado e a roza anual dunhas 150.000 hectáreas, o que suporía un custo de arredor de 50 millóns de euros anuais.
Territorialización das medidas de prevención
En consecuencia, a Asociación Forestal de Galicia é partidaria dunha territorialización das medidas de prevención. Os criterios de prevención deben ser distintos en función dos riscos de lume que hai en cada comarca, pois en Galicia hai determinadas zonas con problemas estruturais de incendios, como por exemplo parte da provincia de Ourense, e outras zonas onde a declaración de incendios e os riscos asociados aos mesmos son escasos.
Sistema público de xestión da biomasa
Unha segunda cuestión necesaria é que a Xunta poña en marcha un sistema financiado integramente con fondos públicos para a xestión da biomasa, de xeito que se garanta a seguridade pública da cidadanía. Para tal fin, os propietarios forestais están dispostos a poñer a disposición os terreos precisos na contorna de vivendas, núcleos de poboación e vías de comunicación.
De cara a financiar o sistema, a AFG considera que a Xunta deberá facer as oportunas xestións a nivel europeo, pois os incendios no sur de Europa constitúen un problema de seguridade pública para o que a UE está a ofrecerlle colaboración aos Estados membro.
Naquelas zonas con maiores riscos, a Asociación Forestal de Galicia avoga tamén pola posta en marcha de plans de emerxencia que inclúan formación á poboación sobre que facer e que non facer en caso dun incendio forestal.
Cambios na Lei do solo
Outro dos eixos sobre os que é preciso actuar é no desorde urbanístico que se produce en Galicia na interface forestal, pois a proliferación de vivendas e novas urbanizacións estremeiras co monte xera situacións de risco en caso de incendios forestais.
A Asociación Forestal de Galicia aprobou na Asemblea del sábado trasladarlle á Xunta a necesidade de modificar a Lei do Solo para que toda nova construción que se sitúe nas proximidades de áreas forestais estea obrigada a garantir o cumprimento da normativa de prevención de incendios, en especial en relación coas distancias de separación entre o arborado e as novas construcións.
Para iso, a Asociación Forestal propón que o promotor da vivenda ou urbanización asuma a xestión da biomasa nas distancias que marque a normativa. Eses terreos deberán ser do promotor da obra ou este deberá establecer un convenio de mutuo acordo cos propietarios forestais afectados para a xestión da biomasa.