O sector forestal ofrece colaboración á Xunta de Galicia para a extracción inmediata da saída da madeira queimada e a rexeneración dos montes ardidos
As asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e da industria de primeira e segunda transformación da madeira, que conforman a “cadea de valor da madeira”, veñen de presentar á Consellería de Medio Rural un documento de propostas consensuado, que busca facilitar o aproveitamento inmediato da madeira queimada na vaga catastrófica de lumes do pasado mes de outubro, a fin de que se poida iniciar a rexeneración medioambiental e a restauración da masa arborizada dos montes afectados, evitar a propagación descontrolada das pragas e enfermidades forestais e garantir que os propietarios forestais e comunidades de montes afectados poidan recuperar o máximo de valor posible da súa madeira, para recuperar e reinvestir nos montes.
As organizacións que compoñen a cadea de valor da madeira, queren así amosar o seu compromiso coa propiedade forestal, coa xestión sostible do monte, coas boas prácticas no aproveitamento e comercialización da madeira, e mandar unha mensaxe de alento ao mundo rural galego, propietarios forestais e comunidades de montes, que se viron afectados por esta vaga catastrófica de lumes.
Hai que ter en conta que, segundo datos oficiais, en tan só unha semana de outubro arderon 48.000 ha de monte en Galicia, (superficie equivalente ao que arde en dous anos e medio de media en Galicia), das cales, segundo as estimacións da Xunta de Galicia, o 53% sería superficie arborada, unhas 25.440 ha de monte arborado. Así, a consecuencia é, que a día de hoxe, habería polo menos 2.500.000 toneladas de madeira queimada (case 100.000 camións de madeira). Esto suporía un 33% dos 8.000.000 de toneladas de madeira que se cortan anualmente en Galicia. Urxe, polo tanto, tomar medidas para que esta madeira afectada polo lume, entre no mercado de xeito planificado e ordenado, para minimizar o impacto económico dos incendios, favorecer a recuperación dos montes e garantir a sostibilidade da produción de madeira.
A urxencia da actuación é máis perentoria no caso da madeira do piñeiro xa que, de non planificarse e autorizarse as cortas de xeito inmediato, esta rolla afectada polo lume pero apta para aserrado, vai ser desprezada de xeito irreversible na primaveira polos fungos do “azulado da madeira”, o que fará caer o seu prezo ata un 40%, ao non ser xa axeitada para producir táboa de calidade e ter que ir destinada a outros usos de menor valor engadido. Esto reduciría os ingresos dos propietarios afectados polo lume, o que prexudicaría, non só ás súas rendas, senón tamén ás posibilidades de propietarios e comunidades de montes para reinvestir e rexenerar o monte.
No documento sinálase a importancia de actuar de xeito urxente e coordinado na “zona demarcada” da provincia de Pontevedra e Ourense, afectada pola gravísima praga do nematodo do piñeiro, actualmente controlada nesa zona, pero que podería escapar de control e estenderse por toda Galicia, xa que o arborado afectado polo lume, é o caldo de cultivo ideal para esta praga declarada de corentena pola autoridade fitosanitaria da UE. A UE esixe que todo o arborado afectado polo lume susceptible de axudar á propagación da praga, estea cortado antes do 31 de maio. Asemade, a normativa europea esixe que toda a madeira que se corte nesta zona demarcada, dun radio de 20 km centrado no foco da aparicición do nematodo no Concello de As Neves, débese transformar en industrias forestais que pertenzan á propia zona demarcada, non estando autorizado o seu transporte fóra desta zona sen un rigoroso proceso de desinfección, o que complica a solución para os propietarios afectados, e demanda un gran esforzo de coordinación entre propietarios, industria e Administración.
Asemade, a proposta do acordo propón medidas de recuperación dos montes afectados polo lume, como a habilitación de axudas para a restauración do monte co reforzo orzamentario das Medidas do PDR de Galicia (Fondos FEADER da UE), para forestación e melloras do monte queimado para os próximos tres anos, dirixidas ás comunidades de montes veciñais e aos terreos de particulares afectados por esta recente vaga catastrófica de lume.
O acordo inclúe un código de boas prácticas de compra transparente de madeira por parte da industria forestal galega, de tal forma que non se discrimine en prezo a madeira afectada polo lume con respecto do prezo normal da madeira verde nos usos industriais cos que son compatibles, mentres se normaliza a situación e o mercado absorbe de xeito ordenado e planificado os lotes de madeira queimada.