O proxecto PLANFORLAB mellorará a resiliencia e o aproveitamento dos bosques de coníferas
O proxecto PLANFORLAB é unha iniciativa innovadora que busca crear unha rede de bosques laboratorio empregando plantas melloradas xeneticamente, co obxectivo de incrementar a resiliencia e produtividade dos montes de coníferas comerciais en España. Está enmarcado dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, con financiación do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). O proxecto pretende aplicar os últimos avances en mellora xenética e silvicultura adaptativa para enfrontar os retos derivados do cambio climático, as pragas e as doenzas forestais que afectan os montes de coníferas, en particular as especies Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris.
Unha das iniciativas clave do proxecto é a creación de “bosques laboratorio“. Estes espazos forestais de experimentación e aprendizaxe estableceranse en áreas de alto risco sanitario, permitindo a implementación e monitoreo de técnicas silvícolas innovadoras e material xenético mellorado. Os bosques laboratorio servirán tamén como espazos demostrativos e de investigación, ofrecendo información valiosa sobre a adaptación ao cambio climático e a resistencia a patoloxías.
Ademais, PLANFORLAB establecerá unha rede dixital de colaboración para o intercambio de experiencias e resultados sobre a mellora xenética de plantas forestais e estratexias de loita contra as patoloxías máis nocivas. Esta rede proporcionará a centros tecnolóxicos, silvicultores, xestores forestais e responsables da toma de decisións información actualizada e previsións sobre a efectividade das novas prácticas e materiais.
O proxecto pretende mellorar a renda forestal de maneira viable e sostible, aumentar a competitividade das explotacións forestais mediante a investigación, tecnoloxía e dixitalización, contribuír á adaptación ao cambio climático e promover o desenvolvemento sostible e a xestión eficiente dos recursos naturais.
O proxecto está integrado polos seguintes socios e membros colaboradores:
- Asociación Forestal de Galicia (AFG)
- Federación de Asociaciones Forestales de Castilla y León (FAFCYLE)
- Confederación de Forestalistas del País Vasco (CFPV)
- Empresa de transformación agraria (TRAGSA)
- Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA)
- Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE)
- Centro de Investigación Forestal de Lourizán
- Centro tecnológico NEIKER
- Fundación General de la Universidad de Valladolid (FUNGE UVa)
- CSIC-ICIFOR
O proxecto PLANFORLAB está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das anteditas axudas.
Orzamento total do proxecto: 599 134,22 €. Subvención total: 599 134,22 €