O proxecto ForestED innovará na transformación da madeira de frondosas para a edificación
A Asociación Forestal de Galicia participa neste proxecto conxuntamente co Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña, o Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña e o Consorcio Forestal de Cataluña.
A obtención de novos produtos en madeira a partir de frondosas caducifolias coma o castiñeiro, o bidueiro ou o carballo é un dos obxectivos principais do proxecto ForestED, no que participa a Asociación Forestal de Galicia. A iniciativa oriéntase a xerar novos produtos para edificación, tanto estruturais como non estruturais (carpintería de interiores, exteriores, etc.), así como materiais para mobiliario urbano.
Os socios do proxecto traballarán para isto con tres especies forestais características de Galicia, o castiñeiro, o bidueiro e o carballo, e con outras dúas típicas de Cataluña (a faia e o piñeiro carrasco).
ForestED é unha iniciativa liderada polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña e que conta coa participación do Consorcio Forestal de Cataluña, do Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña e da Asociación Forestal de Galicia. O proxecto conta co financiamento dos fondos NextGeneration da UE, xestionados pola Fundación Biodivesidad.
Este mes, os socios do proxecto xa estiveron visitando bosques de frondosas caducifolias en Galicia e decidiron a selección de tres montes no Incio (Lugo), Boqueixón (A Coruña) e Zas (A Coruña).
Nos tres casos, trátase de masas con dispoñibilidade de madeira madura para a súa extracción, sen restricións de protección nin topográficas. O obxectivo do proxecto é facer un manexo das masas por medio dun aproveitamento sostible, é dicir, as cortas limitaranse a rareos, de xeito que a continuidade da masa quede garantida.
A Asociación Forestal de Galicia subliña que os aproveitamentos faranse a partir dun estudo da biodiversidade da área de intervención e cunha planificación técnica que defina os itinerarios silvícolas a seguir en cada caso, orientados á mellora da biodiversidade e á renovación das masas e a súa rexeneración natural.
A madeira extraída será representativa da que existe de xeito habitual nos montes galegos de frondosas, de diámetros variados e con formas e calidades diversas. “A idea é definir produtos innovadores que se poderían lanzar ao mercado a partir dos recursos que xa temos en monte”, explica o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.
A madeira aproveitada nestes montes galegos no marco do proxecto enviarase a Cataluña para a súa transformación por parte dos socios tecnolóxicos de ForestED, o Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña e o Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña.
ForestED conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.