O papel do sector forestal da UE para garantir a xestión sostible dos bosques e conservar a biodiversidade
Para o desenvolvemento sostible e resiliencia dos bosques da UE, incluída a conservación da biodiversidade, é necesario que na próxima Estratexia da UE sobre Biodiversidade se teñan en conta as seguintes cuestións formuladas polo sector forestal europeo.
A xestión forestal sostible é o ABC da conservación da biodiversidade no monte
A xestión forestal sostible, coa súa variedade de prácticas adaptadas ás circunstancias locais, debería considerarse como unha oportunidade para salvagardar a biodiversidade, tendo en conta os efectos do cambio climático á vez que se asegura que outros múltiples servizos ecosistémicos que fornecen os montes poidan ser proporcionados de maneira equilibrada.A futura Estratexia sobre Biodiversidade debería seguir promovendo a xestión forestal sostible.
O establecemento de máis restricións é a mellor maneira de preservar os bosques?
Calquera tipo de protección debería ter en conta os requisitos actuais do parágrafo 3 do artigo 2 da Directiva Hábitats, segundo os que, ao interpretar as disposicións de protección das especies e os hábitats, deben respectarse as esixencias económicas, sociais e culturais, así como as características rexionais e locais.
A adopción de medidas máis restritivas, por exemplo mediante unha protección estrita, é unha solución de alto risco se se teñen en conta as proxeccións futuras de cambio climático e os cada vez máis frecuentes fenómenos adversos que xeran efectos negativos nos bosques. Ademais, imporía aos propietarios e xestores forestais cargas insostibles que, á súa vez, só terían un efecto contraproducente na prestación dos múltiples servizos que a sociedade espera dos bosques da Unión Europea, incluído o aspecto da mitigación do cambio climático, que debería examinarse máis a fondo na Estratexia.
Un enfoque dinámico da conservación da natureza como parte da xestión forestal sostible é fundamental para a aplicación satisfactoria da Estratexia sobre Biodiversidade. Debería centrarse en obxectivos de protección ben definidos baseados en datos contrastados, en lugar de en resultados de riscos adversos debidos a restricións a gran escala. A avaliación dos efectos, a mellora da aplicación das medidas existentes nos emprazamentos xa determinados, enfoques voluntarios, un mellor coñecemento así como instrumentos financeiros eficaces, xunto coa participación de propietarios e xestores forestais motivados, son solucións indispensables para acadar os obxectivos establecidos.
A futura Estratexia Forestal da UE debería achanzar o camiño
A Estratexia Forestal da UE debería utilizarse como marco principal para coordinar todas as políticas relacionadas coa silvicultura, incluídos os aspectos relacionados coa biodiversidade, tendo debidamente en conta as funcións vixentes das políticas e leis forestais dos Estados membros e o principio de subsidiariedade.
Pedimos aos responsables da adopción de decisións da UE que elaboren unha Estratexia Forestal da UE para despois de 2020 que sexa holística, multidimensional e inclusiva e que teña como núcleo central os principios da xestión forestal sostible, o que garantirá un desenvolvemento ulterior eficaz e equilibrado dos instrumentos da UE relacionados co monte.
Neste contexto, toda directriz relacionada coas prácticas de xestión forestal debe formar parte da nova Estratexia Forestal da UE e desenvolverse no marco desta, e non en paralelo con ela. Estas directrices tamén deberían elaborarse e acordarse mediante unha estreita colaboración entre a Comisión Europea e os Estados membro e coa participación dos propietarios e xestores forestais, así como doutras partes interesadas.
Quixeramos subliñar que a UE pode confiar no seu notable sector forestal e nas persoas que fan posible a xestión forestal sostible. Dado que son os custodios da biodiversidade dos montes, deben estar no centro da estratexia sobre Biodiversidade da UE.
Este texto forma parte dun comunicado conxunto asinado polas seguintes organizacións o 15 de maio de 2020 antes da publicación da Estratexia Europea de Biodiversidade para 2030 publicada o 20 de maio:
Bioenergy Europe (Asociación Europea da Biomasa)
CETTAR (Organización Europea de Contratistas Agrícolas, Rurais e Forestais)
CEI-BOIS (Confederación Europea de Industrias da Madeira)
CEPF (Confederación Europea de Propietarios Forestais)
CEPI (Confederación Europea das Industrias do Papel)
COPA-COGEGA (organización europea que agrupa as cooperativas e organizacións agrarias)
ELO (Organización de propietarios e xestores rurais europeos)
EOS (Organización Europea da Industria do Serrado)
EUSTAFOR (Asociación Europea de Bosques Estatais)
FECOF (Federación Europea de organizacións que representan aos municipios, e outras autoridades locais, propietarios de montes.
FEP (Federación Europea de la Industria del Parquet)
Forest based sector (Plataforma tecnolóxica europea do sector forestal)
UEF (Federación de organizacións forestais profesionais de varios países europeos)
USSE (Unión de Silvicultores do Sur de Europa)