O grupo operativa Piña chega ao final e resume o seu traballo en video
O Grupo Operativo Piña chega ao seu final despois de tres anos de intenso traballo para poder facer realidade a chegada ao monte galego de planta de piñeiro pinaster e radiata de alta calidade xenética en cantidade acorde coa demanda.
O resumo do traballo conxunto dos centros de investigación, viveiros e persoas propietarias forestais, faise nun vídeo que agora presentamos onde se resume a grandes trazos os obxectivos e a metodoloxía da investigación.
GOPiña conseguiu poñer en marcha unha posibilidade máis rápida e eficiente de multiplicar e poñer planta no mercado de boa calidade xenética en maior número ca anteriormente e que se poida atender a demanda das persoas que apostan polo cultivo dos piñeiros nos seus montes. O que non quere dicir que o sistema non se poida perfilar e afinar no futuro para que a produción se incremente ao ritmo que as persoas silvicultoras a demanden.
Remata GOPiña, pero os resultados que se acadaron quedan a disposición das persoas máis interesadas en que o proxecto tivera éxito, os silvicultores e silvicultoras dos piñeirais galegos do futuro.
Sobre o Grupo Operativo Piña
O Grupo Operativo Piña estaba conformado pola Fundación Arume (entidade coordinadora), a Asociación Forestal de Galicia, Hifas Foresta e Viveiros Costa de Lóngaras.
Como entidades colaboradoras, estaba a Asociación Sectorial Forestal Galega, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Xunta de Galicia).
O Grupo subscribiu senllos acordos de colaboración con Tragsa e coa Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.
O proxecto estivo cofinanciado con axudas para a execución de proxectos innovadores por grupos operativos da AEI da UE, convocadas pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (AGACAL).

