O Catastro actualizarase con información facilitada pola Consellería do Medio Rural
A Dirección Xeral do Catastro asinou en xullo de 2023 un convenio coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia mediante o que se establece un marco xeral de colaboración para facilitar o intercambio de información e a modificación e actualización dos datos do Catastro cos datos de investigación de titularidade da AGADER e a exactitude dos límites e superficie das parcelas obxecto dos diferentes procedementos administrativos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Sobre todo a información relativa aos procesos de investigación da titularidade dos bens inmobles existentes en solo rústico ou de núcleo rural, da revisión xeométrica e topográfica de parcelas, así como dos procedementos e instrumentos de mobilización e recuperación de terras levados a cabo pola Consellería do Medio Rural.
No marco deste convenio está previsto que se creen, cando menos, seis grupos de traballo relativos a outros tantos temas:
- Investigación da titularidade
- Aproveitamentos forestais
- Montes veciñais en man común, montes de utilidade pública, montes de varas e montes patrimoniais da Xunta de Galicia
- Explotacións agrarias e Política Agraria Común (PAC)
- Reestruturación parcelaria e instrumentos de mobilización e recuperación de terras previstos na Lei 11/2021, de recuperación da terra agraria de Galicia
- Coordinación de actuación en materia de segregacións
Entre os asuntos que se prevé abordar, destacan a unificación das referencias catastrais dos montes veciñais en man común. Para isto, vaise traballar con montes en calquera tipo de réxime de propiedade que cumpran as seguintes condicións:
- Que dispoñan de deslinde administrativo firme e/ou inscrición no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.
- Que dispoñan de cartografía dixital o máis recente posible.
No caso das solicitudes de corta, analizarase o grao de coincidencia entre as persoas que se declaran titulares nos aproveitamentos de madeira e os titulares catastrais para establecer un procedemento de notificación/comunicación automática de non coincidencias entre a Consellería do Medio Rural e o Catastro para ver de actualizar este polas canles xa establecidas.
Promoverase a incorporación do «réxime de tenencia do declarante» aos formularios de autorización e declaracións responsables dos aproveitamentos madeireiros, co obxecto de que as persoas interesadas declaren se son propietarias, usufrutuarias, arrendatarias ou xestoras do monte.
A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal facilitará á Dirección Xeral do Catastro o acceso ás fontes de información que sexan precisas para investigar a titularidade catastral ou para actualizar os cultivos da base de datos, como poden ser entre outros, os proxectos de ordenación ou instrumentos de xestión forestal, o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas ou o Inventario Forestal Continuo de Galicia unha vez que se remate.
Asemade, a Dirección Xeral do Catastro facilitará aos titulares catastrais información a través da Sede Electrónica do Catastro sobre as solicitudes de aproveitamentos madeireiros que afectaran a parcelas da súa titularidade.
Está previsto tamén establecer un protocolo de actuación entre a Consellería do Medio Rural e a Dirección Xeral do Catastro para a integración das zonas de reestruturación parcelaria e das zonas de concentración parcelaria en proceso no Catastro para que ambas cartografías estean coordinadas desde o inicio do procedemento de reestruturación, de modo que se poidan entregar os títulos das parcelas de substitución xa incorporadas ao Catastro e que ao mesmo tempo, as parcelas queden coordinadas no Rexistro da Propiedade na súa totalidade.
Estudarase tamén a viabilidade de poñer en marcha os mecanismos que permitan dispor dunha malla gráfica unificada, de modo que a información contida nos rexistros agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia se coordine coa do Catastro Inmobiliario, mediante a actualización das parcelas agrícolas de ditos rexistros a partir das parcelas catastrais.