O bosque laboratorio de Ponteareas arranca este outono para blindar o piñeiro do país fronte ao nematodo
O piñeiro do país (Pinus pinaster) é unha especie clave no ecosistema forestal galego, pero enfróntase a múltiples ameazas, a máis preocupante o nematodo do piñeiro, unha praga que se estende polo sur de Galicia desde 2010. Contra o nematodo, a principal esperanza é o desenvolvemento de xenéticas de piñeiro tolerantes á praga, como as que xa obtivo o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Esas e outras xenéticas do piñeiro do país vanse testar en monte no bosque laboratorio de Xinzo (Ponteareas, Pontevedra), unha iniciativa que arranca este outono co inicio da plantación de 10 hectáreas de parcelas de ensaio e demostrativas.
Ponteareas atópase dentro da zona demarcada do nematodo do piñeiro, con tendencia a un aumento de casos. Se no 2023 se detectaron 20 positivos, no 2024 —último ano con datos coñecidos- foron xa 132. O impacto da praga no municipio é un dos motivos que levou a situar alí un dos tres bosques laboratorio que creará en España o Grupo Operativo Planforlab.
O bosque laboratorio permitirá probar así en condicións reais os materiais xenéticos tolerantes ao nematodo xa dispoñibles (6 proxenitores de familia de Pinus pinaster, dados de alta no 2020 polo CIF Lourizán), xunto con outras xenéticas e especies de coníferas (radiata, sylvestris, taeda). As plantacións monitorearanse de xeito continuo mediante sensores e unha estación meteorolóxica. Todos os datos integraranse nunha plataforma dixital accesible para Administracións, científicos, técnicos e propietarios.
O bosque laboratorio complétase con outras 20 hectáreas nas que hai piñeirais adultos e frondosas caducifolias. Nas masas de piñeiro adultas, os traballos orientaranse a facer seguimento e experimentación dos modelos silvícolas, xa que o cambio climático leva a veráns con maiores temperaturas e estrés hídrico, o que obriga a valorar a adaptación das prácticas silvícolas.
O seminario técnico internacional, punto de partida
A visita das entidades socias do Grupo Operativo Planforlab enmarcouse nun programa de dous días que arrincou co seminario técnico internacional “Sanidad y mejora de los montes de Pinus pinaster“, celebrado no Centro Cultural Xinzo-Ponteareas.
O encontro, organizado por Planforlab, reuniu a investigadores, administracións, propietarios forestais, xestores e representantes da industria de Galicia, Portugal, Francia, País Vasco e Castela e León, e nel abordáronse os principais retos sanitarios e de mellora xenética do piñeiro do país.
O seminario contou coa apertura de Antonio Rigueiro, presidente da AFG, e María Luisa Piñeiro, directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, e incluíu dúas mesas redondas: unha sobre sanidade e mellora xenética, e outra sobre o futuro do piñeiral, os retos da silvicultura e a demanda de madeira.
Colaboración e presenza internacional
A presenza dunha delegación francesa no seminario cobra especial relevancia, xa que “hai un ano apareceron os primeiros positivos de nematodo do piñeiro no maior bosque de Pinus pinaster que hai en Europa, en Aquitania” -explica Francisco Dans, da Asociación Forestal de Galicia (AFG)-. “Hai unha preocupación en toda Europa por este problema, o que debe levar a incrementar os medios de investigación e a modificar os sistemas silvícolas para ser máis eficaces na loita contra este nematodo”.
Dans destacou que o grupo operativo Planforlab é “pioneiro” e puxo o acento na “colaboración entre diferentes axentes”, cunha rede de técnicos e científicos dos “mellores centros de investigación de España” centrados nestes problemas sanitarios. “É fundamental destacalo”, afirmou, xa que “os resultados téñense que ver a curto e medio prazo”, para o que é de gran importancia ensaiar os materiais forestais “nun laboratorio natural como o que estamos creando”.
Así mesmo, Dans fixo un chamamento a “incrementar” a implicación de “propietarios forestais, comunidades de montes, a Administración e os científicos”, para “poñer o foco nestes problemas”.
“Debemos darlle un horizonte de futuro a uns montes, os de piñeiro do país, cunha madeira cada vez máis demandada para usos como a construción en madeira estrutural”.
Conclusións do seminario técnico
O seminario “Sanidad y mejora de los montes de Pinus pinaster” deixou varias ideas forza.
- A sanidade forestal é un reto global e multifactorial: as masas de coníferas de toda Europa sofren unha presión crecente por patóxenos emerxentes (nematodo, bandas, Fusarium) e por danos abióticos (secas, altas temperaturas, vendavais) asociados ao cambio climático. O decaemento non ten unha única causa e require respostas igualmente complexas.
- A mellora xenética é a principal esperanza fronte ao nematodo. Galicia xa dispón de 6 proxenitores de familia de Pinus pinaster e o bosque laboratorio de Xinzo permitirá probalos “en zona cero”, en condicións reais, xunto con outras xenéticas e especies.
- A colaboración entre axentes é a clave do éxito. O grupo operativo Planforlab é pioneiro porque por primeira vez traballan xuntos centros de investigación (Lourizán, Neiker, UVa, INIA-CSIC), organizacións de propietarios (AFG, FAFCYLE, CFPV, COSE), administracións e empresas públicas (Tragsa). Os relatores coincidiron en que o principal problema é transferir o coñecemento científico ao monte e que cómpre máis colaboración universidade-empresa-propietarios-administración. Como resumiu Álvaro Benito (UVa), “o principal colo de botella é transferir o coñecemento que se xera nas universidades á xestión do monte”.
- A presenza francesa é un sinal de alerta e de cooperación internacional. En Nova Aquitania detectáronse hai un ano os primeiros positivos de nematodo nas Landas francesas.
As persoas expertas coincidiron en que as medidas de erradicación “non están a funcionando” e que hai que aprender a convivir co nematodo, apostando pola contención, a silvicultura adaptativa e a investigación conxunta entre países. A experiencia de Portugal e Galicia serve de guía. - O futuro do piñeiro pasa por adaptar a silvicultura e apoiar as persoas propietarias. Os expertos subliñaron a necesidade de reducir densidades, acurtar quendas de corta, facer cortas de policía, plantar masas mixtas e introducir planta mellorada.
- Por último, a demanda de madeira de conífera está en aumento: a construción industrializada en madeira é unha oportunidade estratéxica para Pinus pinaster, pero para aproveitala cómpre garantir a subministración. En Portugal hai un déficit de case 2 millóns de metros cúbicos ó ano, e en Galicia a superficie de coníferas baixou de 573 000 a 422 000 hectáreas nunha década.
ENTIDADES SOCIAS DE PLANFORLAB
Coordinado por la Asociación Forestal de Galicia (AFG), PLANFORLAB conta coa participación da Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA), a Federación de Asociaciones Forestales de Castilla y León (FAFCYLE), a Confederación de Forestalistas del País Vasco (CFPV), a Empresa de Transformación Agraria S.A. S.M.E., M.P. (TRAGSA), a Agencia Gallega de Calidad Alimentaria – Centro de Investigación Forestal de Lourizán, o Centro tecnolóxico NEIKER, a Fundación General de la Universidad de Valladolid (FUNGE UVa) y o Instituto de Ciencias Forestales do INIA-CSIC.
FINANCIAMENTO
O proxecto PLANFORLAB está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA). A Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das anteditas axudas. Orzamento total do proxecto: 599 134,22 €. Subvención total: 599 134,22 €.








