Novo número da revista O Monte
A Asociación Forestal de Galicia sacou o 26 de decembro o último número da súa revista O Monte.
Todas as persoas asociadas á AFG, así como as entidades sectoriais, acaban de recibir esta revista que constitúe a número 66, na que se recollen algúns dos aspectos que máis preocupan nestes momentos á propiedade forestal galega.
Ábrese este novo número cun artigo de Julio Ruiz Cagigal sobre o vandalismo nos montes privados galegos que no último ano mantivo unha vez máis en vilo a moitas comunidades de montes veciñais e a propietarios particulares que sufren destrozos nas súas plantacións e infraestruturas.
Continúase con dúas entrevistas de gran interese a un propietario forestal galego que cultiva castiñeiro para a produción de castaña e mais pseudotsuga e a un técnico que traballa nos servizos forestais do estado australiano de Queensland que visitou Galicia o pasado mes de xullo.
Preséntanse tamén os proxectos de I+D nos que está participando actualmente a Asociación Forestal de Galicia e tamén se recolle un artigo que analiza a importancia da perspectiva económica das decisións silvícolas.
Asemade faise un resumo dos resultados da última asemblea xeral e o cambio no equipo directivo da Asociación, xunto con dous exemplos da riqueza ecolóxica dos montes galegos: a ruta do río Xabriña en Mondariz e as sobreiras da Magdalena no concello do Rosal.
Remata o número cunha recensión sobre as vendas de madeira en 2023 e sobre os prezos da madeira e doutros produtos forestais.
Este o o resto dos números da revista O Monte poden ser consultados no seguinte apartado desta páxina web: https://asociacionforestal.gal/novidades/revista-o-monte/
As persoas que non sexan socias da Asociación Forestal de Galicia e queiran ler esta revista, poden comprar un exemplar nas oficinas da AFG.