Novo número da revista O Monte
Un ano máis que pasa traballando pola mellora da xestión do monte galego. E un ano máis publicamos a nosa revista O Monte onde recollemos numerosos temas de actualidade e de interese para a propiedade forestal.
Nesta ocasión o presidente e o vicepresidente de Relacións Institucionais inician o número facendo unha revisión dos temas máis candentes da actualidade forestal, un ano sobre todo marcado por dúas noticias: os incendios do pasado verán e o debate sobre a moratoria do eucalipto que inicia con 2026 unha nova fase.
Pero outros asuntos foron tamén noticia: a chegada do piñeiro taeda que avanza timidamente como substituto do radiata moi afectado polas bandas ou do pinaster ameazado polo nematodo, e o desenvolvemento das primeiras agrupacións forestais de xestión conxunta que se revelan como unha boa ferramenta para a xestión dos montes abandonados.
2025 foi tamén o ano do despegue, inda tímido, dos servizos ecosistémicos, que agardamos avancen por bo carreiro no vindeiro 2026 e axuden a compensar cada vez a un maior número de persoas propietarias forestais polo seu labor a prol da sociedade.
Dentro da familia da AFG, dúas foron as noticias máis destacadas de 2025, unha nova Xunta de Goberno elixida no mes de abril en Mos e a xubilación de Francisco Dans del Valle que deixa o seu testemuño a Xosé Covelo Míguez. Unha ampla entrevista repasa á súa vida na AFG durante corenta anos.
Outro apartado significado é o resumo dos proxectos nos que participa a AFG e que algúns deles finalizan neste ano, deixando os seus resultados como pegada nos montes galegos.
Como vén sendo habitual, a revista remata coa análise dos prezos da madeira e tamén doutros produtos do monte diferentes dela, que pouco a pouco se van afianzando como recursos forestais cun peso económico cada vez maior.
Agardamos que o contido sexa do interese das persoas propietarias e xestoras dos montes galegos e que o novo ano sexa propicio para eles.
Acceso á revista aquí.

